El Correo Gallego

Tecnoloxía

Insta360 GO: a cámara estabilizada máis cativa

A nova cámara estabilizada de Insta360, de menos de 20 gramos de peso, pode empregarse en mans libres grazas ao seu sistema de suxeición magnética.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.08.2019 
A- A+

Entre as cámaras de 360 graos que hai no mercado conseguiron gañar moito prestixio nos últimos meses as de Insta360 polo seu sistema de estabilización propietario, que fai que os vídeos vaian moito máis suaves que os dos seus competidores en gravacións nas que a cámara está en movemento, e aproveitaron o desenvolvemento desta tecnoloxía para lanzar a Insta360 GO, que presume de ser a cámara estabilizada máis cativa do mundo.
A Insta360 GO está claramente enfocada ás redes sociais, de xeito que cando prememos o seu botón grava até 30 segundos de vídeo (aínda que nos modos hyperlapse e timelapse a duración da gravación pode ser moi superior) e coa aplicación de edición FlashCut poden xuntarse os mellores cortes para conseguir montaxes rapidamente grazas á selección realizada mediante intelixencia artificial.
A cámara mide 49,4 x 21,4 x 14,85 milímetros, pesa 18,3 gramos e subminístrase cun estoxo de carga (que permite cargar a cámara até 2,5 veces) e varios accesorios que facilitan a súa colocación no corpo mediante suxeición magnética ou nun soporte que pode colocarse ou adherirse a distintas superficies.
A Insta360 GO pode disparar fotografías e vídeo, realizándose a captura de xeito circular, de xeito que logo podemos exportar os contidos en formato cadrado, horizontal ou vertical, adaptándose ás distintas redes sociais. Deste xeito conseguimos contidos en vídeo Full HD adaptados á plataforma na que queiramos publicalos, aínda que a resolución redúcese até 1.600 x 900 píxeles se queremos tirar proveito da cámara lenta a 100 imaxes por segundo.
Temos así un pequeno accesorio que posibilita a creación de impresionantes vídeos en primeira persoa nos que o movemento non marea ao espectador, que pode tirar de efectos como a cámara lenta ou a rotación (barrel roll), que é resistente á auga (soportando así as inclemencias meteorolóxicas e salpicaduras) e que pode empregarse para gravar até 200 clips ao día, para logo conectar o trebello ao smartphone e poder recompilar os contidos gardados para poder narrar xornadas completas dun xeito dinámico e atractivo.
A Insta360 GO pode mercarse a un prezo de 229,99 euros, e podería converterse en todo un éxito entre os influencers, trunfando onde fracasan as Spectacles de Snap Inc. (coas que comparten algúns conceptos, pero que ao estar moi ligadas a Snapchat resultan pouco prácticas).