El Correo Gallego

Tecnoloxía

A intelixencia artificial é o punto forte dos novos televisores de LG

LG aposta tanto polo uso da intelixencia artificial para mellorar a imaxe e o son, como integra distintos asistentes virtuais nos seus televisores conectados

MARCUS FERNÁNDEZ  | 03.01.2019 
A- A+

De cara ao CES de Las Vegas LG  está a anunciar toda unha nova serie de televisores con ThinQ AI, que funcionarán coa segunda xeración dos procesador α, aproveitando a intelixencia artificial e algoritmos de deep learning para conseguir unha maior calidade de imaxe e son.

Estes produtos de LG  xa levan tempo integrando o Asistente de Google e, como novidade, permitirán tamén facer uso do asistente Alexa de Amazon, de xeito que cada usuario podería elixir a solución máis axeitada para a súa situación (principalmente de cara ao control domótico).

A segunda xeración do procesador α9 integrarase nos televisores OLED Z9, W9, E9 e C9, que presentarán unha calidade de imaxe asombrosa, e que chegarán a un nivel extremo no caso do Z9 de 88 polgadas, que terá un panel 8K, presentando unhas imaxes nítidas e moi vivas grazas a tecnoloxías de sobreescalado e redución de ruído. O procesador α9 de segunda xeración tamén axudará ao procesado do HDR, que adaptarase ás variacións da luz ambiental para achegar unha mellor experiencia de visualización. No que a son se refire, o procesador contribuirá a crear un son envolvente virtual 5.1 bastante convincente, á vez que tamén procurará que durante os informativos, series e películas as voces poidan escoitarse máis claras.

Outra familia de televisores que funcionarían co procesador α9 de segunda xeración serían os novos NanoCell TV, que inclúen novas tecnoloxías de mellora de imaxe para mellorar as cores e o ángulo de visión, á vez que consegue uns marcos ultrafinos.

Os novos televisores OLED de LG e algúns dos televisores NanoCell contarán con portos HDMI 2.1 e serán conpatibles con HFR, ou sexa, que poderán manexar animacións a 120 imaxes por segundo, conseguindo así que os contidos de moita acción e deportivos poidan verse moito máis claros (algo que tamén agradecen os gamers).