El Correo Gallego

Tecnoloxía

JBL Reflect Eternal: auriculares sen fíos con carga solar

Os auriculares que propón JBL a través de Indiegogo poderían empregarse de xeito ilimitado sen conectar á corrente eléctrica se pasamos tempo dabondo ao aire libre.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 18.12.2019 
A- A+

Os auriculares sen fíos con diadema tenden a ter boas autonomías, pero dende JBL pensaron que resultaría aínda máis práctico non ter que preocuparse nunca da súa recarga, polo que están a preparar os auriculares Reflect Eternal, que pretenden ser unha realidade no mes de outubro e que poden encargarse a través da plataforma de micromecenado Indiegogo a un prezo promocional que parte dos 89 euros (cando o seu prezo de venda ao público aseguran que será de 148 euros).
Esta curiosa proposta consisten en integrar na diadema dos auriculares Exeger Powerfoyle, un material que actúa a xeito de panel solar, de xeito que con pasar aproximadamente un 66% do tempo de reprodución cos auriculares ao aire libre poderiamos evitar ter que recargar os auriculares de xeito tradicional (no caso de pasar menos tempo en exteriores simplemente distanciariamos moito as veces que sería preciso recargar os auriculares, xa que unha carga completa da súa batería de 700 mAh permitiría un uso dos auriculares durante até 24 horas seguidas).
Estes auriculares sen fíos, que conectándoos por USB conseguirían 2 horas de autonomía en só 15 minutos (unha carga completa levaría 2 horas), son unha aposta polas fontes de enerxía renovables, e contarán con opcións para a realización de chamadas en mans libres, invocar ao asistente de voz do noso smartphone, pasar dun dispositivo Bluetooth a outro sen esforzo e incluso escoitar o que temos no noso contorno se non queremos un illamento acústico nun momento determinado. Todo isto cunha calidade sonora propia de JBL.