El Correo Gallego

Tecnoloxía

O LG G8X sairá á venda en novembro

O novo smartphone insignia de LG pode incorporar unha pantalla secundaria mediante unha funda.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.10.2019 
A- A+

O LG G8X recuncou no concepto de smartphone con pantalla secundaria opcional, como xa fixera o LG V50 ThinQ 5G, buscando así unha experiencia de uso semellante a que teriamos con dispositivos como o Samsung Galaxy Fold, pero sen ter que pagar 2.020 euros nin ter un dispositivo extremadamente fráxil, ou sexa, unha solución que busca atender certas demandas de uso mentres os teléfonos flexibles non maduran.
Este novo smartphone presentouse na feira IFA de Berlín, e agora anuncian que o vindeiro 1 de novembro sairá á venda nos EE.UU. a un prezo de 699 dólares (ofrecendo AT&T facilidades de compra a prazos), para chegar nas seguintes semanas a Brasil, Alemaña, Xapón, Turquía, México e España.

O LG G8X é o móbil insignia de LG, que engade unha segunda pantalla OLED mediante unha funda en formato de libro, de xeito que tanto pode levarse o móbil de xeito normal como coa pantalla adicional. O uso das dúas pantallas de xeito simultáneo abre posibilidades multimedia, de produtividade e de lecer, de xeito que en moitas ocasións unha das pantallas poder empregarse como se fose un dispositivo de entrada (un teclado ou un gamepad), mentres que noutras ocasións simplemente é un complemento para maximizar a multitarefa. Unha interesante proposta que engade valor a un smartphone con pantalla OLED de 6,4 polgadas, cámara traseira dual de 12 e 13 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, altofalantes de grande potencia, procesador Qualcomm Snapdragon 855, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB, lector de pegadas en pantalla, resistencia IP68 á auga e ao po e batería de 4.000 mAh.