El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

O móbil todo pantalla, máis preto de ser realidade

O Vivo Nex chega ao mercado chinés cunha pantalla que ocupa o 91,24% da súa parte frontal

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.06.2018 
A- A+

Durante o Mobile World Congress o fabricante chinés Vivo amosou un móbil conceptual chamado Apex que era o máis semellante a un terminal todo pantalla que puido verse até o momento, pero finalmente a idea converteuse nun produto real, o Vivo Nex, un teléfono que consegue que a súa pantalla ocupe o 91,24% do seu frontal ao agochar o lector de pegadas dixitais e o auricular tras a pantalla e facer que a cámara frontal sexa retráctil (coma un periscopio que xorde da parte superior do terminal).
Este teléfono continúa a ter unha marxe inferior perceptible, pero está sumamente próximo ao concepto todo pantalla que os fabricantes veñen perseguindo nos últimos anos. O móbil ten tamén unha configuración bastante completa, cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento, pantalla OLED de 6,59 polgadas, cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles, cámara frontal retráctil de 8 Mpíxeles, toma de auriculares, un grosor de 7,98 milímetros e un peso de 199 gramos. Tamén contará cunha versión máis económica cun procesador Qualcomm Snapdragon 710, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, que continúa a ser unha configuración moi completa.
O modelo máis completo do Vivo Nex sairá á venda en China a un prezo de 4.998 iuans (664 euros), ou sexa, practicamente a metade do que custaría un iPhone X, aínda que o seu prezo é moi superior ao do seu competidor máis directo, o Mi 8 de Xiami, que véndese a entre 2.699 e 3.299 iuans, polo que semella que o Vivo Nex será máis un produto chamado a captar miradas, pero que quedará lonxe de ter unhas vendas masivas.