El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

O Motorola Razr chegará a España en febreiro

O móbil con pantalla encartable de Motorola chegará ás tendas con prestacións de gama media e un prezo moi elevado.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.01.2020 
A- A+

A presentación do novo Motorola Razr creou moita expectación, por aproveitar a nostalxia para buscar sentido ao uso dunha pantalla encartable, pero a atención captada provocou que a súa demanda inicial fose moi superior á prevista, de xeito que o seu lanzamento tivo que adiarse para poder subministrar unidades dabondo para cubrir as reservas, e finalmente inicia a súa distribución internacional, e xa sabemos cando chegará a España.
O Motorola Razr poderá reservarse a partires do vindeiro día 31, chegando definitivamente ás tendas o 10 de febreiro, confirmándose a súa comercialización a través de Movistar, Orange e El Corte Inglés a un prezo de venda recomendado de 1.599 euros, cantidade desorbitada se temos en conta que o terminal está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 710, 6 GB de RAM, 128 GB de RAM e batería de 2.510 mAh, ou sexa, que falamos dun terminal de gama media, que se non tivese unha pantalla encartable podería custar 200-300 euros, e que para usuarios intensivos presentará un serio problema de autonomía (especialmente para usuarios que xa están afeitos a baterías con preto do dobre de capacidade).
A utilidade de poder encartar o móbil tamén é algo bastante discutible, xa que ao optar por unha pantalla ultrapanorámica (formato pouco axeitado para a meirande parte dos contidos) a redución da altura ao dobrar a pantalla é bastante limitada con respecto a smartphones tradicionais, mentres que a largura permanece inmutable e o grosor increméntase considerablemente, polo que haberá quen considere un paso atrás a recuperación do formato de cuncha, quedando como unha opción máis sentimental que razoable.