Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Nintendo Switch terá unha versión exclusivamente portátil

A Nintendo Switch Lite será máis pequena e lixeira, pero non poderá empregarse conectada ao televisor.

Confirmando meses de rumores presentouse hoxe a consola portátil Nintendo Switch Lite, dispositivo que sairá á venda o vindeiro 20 de setembro en tres cores (amarelo, gris e turquesa) a un prezo de 219,99 euros, o que supón unha rebaixa substancial fronte aos 329,95 euros da Nintendo Switch ordinaria, e para o que a nova máquina fai algunhas concesións.
Para comezar cómpre dicir que estamos ante unha consola orientada á portabilidade, de xeito que é máis pequena e lixeira, pero tamén limita os seus modos de xogo, de xeito que non será posible conectar a consola ao televisor. O modo portátil funciona sen problema na Switch Lite, e para gozar do modo sobremesa é preciso adquirir mandos Joy-Con por separado, aínda que o número de xogos orientados a este modo de xogo é moi reducido, limitándose practicamente ao Super Mario Party e a 1-2-Switch (que rexistran os movementos dos Joy-Con).
De xeito xeral podemos entender que a Nintendo Switch Lite ten poucas restricións e, de feito, ten maior autonomía que a súa irmá maior (chegando até as 7 horas), polo que para moitos usuarios será unha consola máis axeitada pese a que a súa pantalla sexa lixeiramente máis pequena (pasa de 6,2 a 5,5 polgadas) e os Joy-Con non poidan separarse do corpo.
Un detalle que si agradecerán moitos xogadores é que baixo o mando esquerdo atoparemos unha cruceta real, e non 4 botóns exercendo de cruceta como acontece na Switch ordinaria.
A nova consola tamén chegará en cores rechamantes e a partires do 8 de novembro estará tamén dispoñible nunha edición en cor gris con ilustracións dos Pokémon lendarios de Pokémon Estada e Pokémon Escudo con botóns e mandos en cores azul ceo e maxenta. Unha edición especial que podería ter unha grande aceptación dado o atractivo da franquía de Pokémon.

10 jul 2019 / 19:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito