El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

O Nokia X71 combina deseño e prestacións

O novo smartphone de Nokia podería gañar o espazo que non consegue conquistar o Nokia 9 PureView por mor do seu deseño demasiado arriscado.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.04.2019 
A- A+

Aínda que o Nokia 9 PureView sexa o smartphone insignia, a súa rechamante cámara traseira quíntupla non xoga un bo papel a nivel estético, de aí que estea a ser moi ben recibido o Nokia X71, un novo smartphone con cámara traseira tripla que vén de saír á venda en Taiwán e que, pese a non estar no mesmo rango de produto, semella que vai ser moito máis popular.
Este novo smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de 256 GB), ten unha pantalla de 6,39 polgadas cun orificio para unha cámara frontal de 16 Mpíxeles e apertura f/2.0, e cunha traseira que acolle tanto un lector de pegadas dixitais como unah configuración de cámara tripla certificada por ZEISS cun obxectivo principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1,8, outro de 5 Mpíxeles con apertura f/2.4 e un grande angular (de 120 graos) de 8 Mpíxeles, que xunto á súa batería de 3.500 mAh (con carga rápida de 18 watts por USB-C), unha boa conectividade (Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 con aptX e 4G con VoLTE) e a última versión de Android podería encaixar moi ben no mercado actual.
O prezo de lanzamento en Taiwán será de 11.900 dólares, ou sexa duns 345 euros, o que está bastante lonxe dos 599 euros do Nokia 9 PureView coa mesma configuración de memoria, de aí que pareza máis probable que este novo móbil teña unha aceptación comercial moito mellor, xa que resulta máis atractivo visualmente e menos gravoso para o peto.