El Correo Gallego

Tecnoloxía

Nova base de carga indutiva para o iPhone

O accesorio de Logitech aproveita a carga sen fíos para facilitar, por exemplo, a visualización de vídeos mentres cargamos o teléfono.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.08.2018 
A- A+

Mentres Apple non comercializa a súa agardada base de carga AirPower hai fabricantes que atopan unha magnífica oportunidade para presentar produtos innovadores como o novo soporte de carga sen fíos POWERED for iPhone de Logitech, un accesorio para iPhone 8, 8 Plus e X (tamén compatible con outros produtos compatibles coa carga Qi como os Samsung Galaxy dende o S7 até o S9+) que aproveita a carga por indución para facilitar o uso do teléfono durante a súa carga.
Deste xeito, o soporte permite que mentres se carga a batería do smartphone poida consultarse a mensaxería, navegarse pola web ou incluso ver unha película, xa que un dos detalles máis salientes deste accesorio é que a superficie de carga pode rotarse 90 graos, para así poder cargar o terminal en orientación horizontal.

O soporte ten un ángulo de inclinación de 65 graos, o que fai que achegue unha visualización óptima e, no caso do iPhone X, tamén facilita que o teléfono poida desbloquearse mediante Face ID, para así poder acceder ás notificacións con só mirar ao smartphone, sen ter que mover un dedo.
A superficie do soporte está recuberta de goma, para facilitar a súa suxeición e que o móbil non caia por mor das vibracións que xeran numerosas chamadas e notificacións. O accesorio tamén integra unha discreta luz de carga, que permitirá saber cando a carga ten lugar sen problemas e alertar se ai algún obxecto metálico interferindo coa carga. Logitech tamén indica que a carga pode realizarse en teléfonos cunha funda (de silicona ou coiro) de até 3 milímetros de grosor sempre que non teñan pezas magnéticas.
O soporte POWERED for iPhone sairá en breve á venda a un prezo de 81,99 euros.