El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Novos Mi 8 de Xiaomi

O Mi 8 Pro e o Mi 8 Lite son as novas propostas de Xiaomi para as gamas alta e media da telefonía móbil

MARCUS FERNÁNDEZ  | 20.09.2018 
A- A+

Xiaomi presentou onte un par de smartphones para o mercado chinés, o Mi 8 Lite e o Mi 8 Pro, que buscan atender a un amplo abano de consumidores ao ofrecer unhas grandes prestacións e un coidado deseño a prezos axustados, de xeito que os compradores poden elixir entre un e outro dispositivo en función do investimento económico que queiran realizar. O Mi 8 Lite funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660 e está equipado cunha cámara frontal cun sensor Sony IMX576 de 24 Mpíxeles, de xeito que semella ideal para os que buscan disparar bos selfies, mentres que o Mi 8 Pro supón unha revolución ao prescindir do lector traseiro de pegada dixital para integralo debaixo da pantalla como factor distintivo.

O Mi 8 Lite non só ten unha xenerosa cámara frontal, que facendo uso da tecnoloxía Super Pixel consegue fotografías en interiores máis nítidas; senón que tamén conta cunha cámara traseira dual cun sensor principal Sony IMX363 de 12 Mpíxeles apoiado por un sensor Samsung S5K5E8 de 5 Mpíxeles. A súa pantalla de 6,26 polgadas ten unha resolución de 2.280 x 1.080 píxeles, e presenta unha pestana superior bastante discreta. A súa batería de 3.350 mAh soporta carga rápida por USB-C.
Sairá á venda o día 25 en China en tres cores (azul aurora, dourado solpor e negro medianoite) en tres versións: con 4GB de RAM e 64 GB de almacenamento a un prezo de 1.399 iuans (175 euros), con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento por 1.699 iuans (213 euros) e con 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade por 1.999 iuans (250 euros).
Aínda non se coñece cando teremos a versión global, pero semella aspirar a converterse en todo un referente da gama media, pola súa bo relación calidade-prezo.

Pola súa banda o Mi 8 Pro é todo un alta gama, cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6/8 Gb de memoria LPDDR4X, 128 GB de almacenamento interno (UFS), a súa pantalla AMOLED de 6,21 polgadas ten unha resolución de 2.248 x 1.080 píxeles, conta con cámara traseira dual de 12 Mpíxeles cada unha con aperturas f/1.8 e f/2.4 respectivmaente, a cámara frontal é de 25 Mpíxeles, a súa batería é de 3.000 mAh con carga rápida por USB-C e conta con NFC (algo pouco frecuente nos móbiles de Xiaomi).
Como acontece co Mi 8, o Mi 8 Pro tamén terá unha Explorer Edition cunha carcasa transparente que deixa ver uns circuítos na súa parte traseira. Sairá á venda en China o día 21 en cor dourada, negra ou transparente en dúas versións: a de 6 GB de RAM custará 3.199 iuans (400 euros) e a de 8 GB de RAM venderase a 3.599 iuans (449 euros).