El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Os novos Galaxy A8 e A8+ terán Pantalla Infinita e dobre cámara frontal

O novos móbiles de Samsung optan por situar a dobre cámara na parte frontal, para facilitar o disparo de selfies de calidade.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 19.12.2017 
A- A+

De cara ao ano que vén Samsung está a renovar a súa gama de smartphones de gama media-alta, introducindo as últimas tendencias como son a Pantalla Infinita e a dobre cámara, aínda que desta volta sorprenden ao optar por incluír a cámara dobre na parte frontal do teléfono en vez de na traseira, no que parece unha clara posta polos selfies de calidade.
Os novos Galaxy A8 (2018) e Galaxy A8+ (2018) gozan así dunha boa cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura f/1.7, mentres que na parte frontal teñen unha cámara de 16 Mpíxeles e outra de 8 Mpíxeles con aperturas de f/1.9, que permitirán que o usuario elixa se quere saír nos seus selfies cun modo retrato (co fondo desenfocado) ou co fondo nítido. Como xa acontecía co Note8, a cámara garda ambas instantáneas, de xeito que o efecto de desenfoque de fondo pode aplicarse a posteriori. Tamén inclúe melloras na gravación de vídeo, con estabilización dixital de imaxe e a posibilidade de gravar hyperlapses sen empregar software adicional.
As pantallas destes novos móbiles teñen unha proporción de 18,5:9, o seu cristal curvado facilita o agarre e o seu marco metálico protexe o dispositivo, comercializándose estes móbiles en catro cores distintas. Tamén inclúen características de gama alta como NFC para poder gozar de Samsung Pay (pagos móbiles) e resistencia ao po e á auga (IP68). O almacenamento interno destes dispositivos pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 256 GB e, por primeira vez nesta familia de móbiles, será posible empregalos con cascos Gear VR.
O Galaxy A8 terá pantalla Super AMOLED Full HD+ de 5,6 polgadas, 4 GB de RAM, 32 ou 64 GB de almacenamento, 3.000 mAh de batería, un grosor de 8,4 milímeros e un peso de 172 gramos, mentres que o Galaxy A8+ eleva o seu tamaño de pantalla até as 6 polgadas e a súa batería até os 3.500 mAh, terá 4 ou 6 GB de RAM e 32 ou 64 GB de almacenamento, o seu grosor será de 8,3 milímetros e pesará 191 gramos.