El Correo Gallego

Tecnoloxía

Novos iPad Air e iPad mini con soporte de Apple Pencil

Apple renova as súas tabletas máis esquecidas para actualizar o seu procesador e permitir o uso de lapis dixitalizador.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 18.03.2019 
A- A+

Aínda que está previsto que o vindeiro luns Apple realice unha presentación, semella que queren que a atención se centre unicamente nos novos servizos da compañía, de xeito que decidiron presentar as súas novidades de hardware aparte. Temos así versións renovadas do iPad Air e do iPad mini, que consolidan o catálogo de tabletas de Apple.
O novo iPad Air é unha tableta con pantalla de 10,5 polgadas, procesador A12 Bionic e soporte para Apple Pencil, que supón a recuperación da marca Air nas tabletas, pero ampliando o tamaño de pantalla para achegarse aos iPad Pro, pero cun prezo máis asumible. Parte dun modelo con 64 GB de almacenamento e Wi-Fi que custa 549 euros, mentres que por 719 euros incrementa o almacenamento até os 256 GB. Ambos modelos poden adquirirse con conectividade móbil por 140 euros adicionais.

O novo iPad mini, coa súa pantalla de 7,9 polgadas, tamén experimenta unha grande actualización ao incorporar un procesador A12 Bionic e soporte para Apple Pencil, buscando así converterse nun produto moi atractivo para os que desexan tomar notas e realizar bosquexos en mobilidade. O modelo con 64 GB de almacenamento e Wi-Fi véndese por 449 euros, mentres que por 619 euros teremos a súa versión con 256 GB de capacidade. En ambos casos por 140 euros máis podemos ter unha versión con conectividade móbil. Ao igual que aconteceu coa anterior xeración de iPad mini, este formato volve colocarse nunha posición moi comprometida do catálogo de Apple, ao ter un prezo 100 euros superior ao iPad con pantalla de 9,7 polgadas.
Temos así que a actualización de ambos iPad consiste basicamente en mellorar os procesadores e permitir o uso de lapis dixitalizador, podendo tamén tirar proveito das súas cámaras para gravar vídeo ou para experimentar coa realidade aumentada. Estes novos modelos saen á venda hoxe mesmo, aínda que non chegarán ás tendas até a semana que vén.