El Correo Gallego

Tecnoloxía

Novos MacBook Pro con pantalla de 16 polgadas

Os novos portátiles de Apple incrementan o tamaño da súa pantalla e tamén poden configurarse con até 64 GB de RAM e 8 TB de SSD.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 13.11.2019 
A- A+

Tras moitos meses de rumores, Apple por fin presentou oficialmente o agardado MacBook Pro con pantalla de 16 polgadas, equipo que aspira a converterse no portátil de referencia para profesionais da programación, a fotografía e o audiovisual, que equipado cunha pantalla Retina de 16 polgadas, procesadores de 8 núcleos de última xeración, até 64 GB de memoria RAM, gráficas con até 8 GB de memoria de vídeo e un novo deseños térmico convértese no equipo máis potente do mercado neste formato.
Amais, Apple deu o brazo a torcer e desfíxose do problemático teclado e bolboreta para adoptar un novo Magic Keyboard cun mecanismo de tesoira redeseñado cunha traxectoria de 1 milímetro que consegue unha sensación de pulsación máis satisfactorio. O MacBook Pro de 16 polgadas tamén destaca por integrar un sistema de son de 6 altofalantes, unha maior autonomía, Touch Bar, Touch ID, trackpad con Force Touch e chip de seguridade T2.
A nova pantalla de 16 polgadas presenta unha resolución de 3.072 x 1.920 píxeles, un brillo de 500 nits e unha grande fidelidade de cor (estas pantallas calíbranse individualmente en fábrica).
Aínda que estes portátiles están equipados de base cunha unidade SSD de 512 GB ou 1 TB, poden configurarse con até 8 TB de SSD (salto que suporía un incremento de prezo de 2.880/2.640 euros), capacidade nunca vista nun portátil.
Este novo equipo chega como sucesor do modelo con pantalla de 15 polgadas, e chega aos EE.UU. esta mesma semana a prezos que parten dos 2.399 dólares para o modelo con procesador Intel Core i7 de 9ª xeración e 6 núcleos, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD, mentres que por 2.779 dólares teríamos o modelo con procesador Intel Core i9 de 9ª xeración e 8 núcleos, 16 GB de RAM e 1 TB de SSD. Esta previsto que estes equipos cheguen a España a partires do 26 de novembro, e o seu prezo para os modelos antes indicados serían de 2.699 e 3.199 euros respectivamente. A configuración máxima do novo MacBook Pro chegaría a un prezo de 7.139 euros.