El Correo Gallego

Tecnoloxía

nVIDIA presenta as novas gráficas RTX 20

As nVIDIA GeForce RTX 20 son as primeiras gráficas capaces de facer ray tracing en tempo real

MARCUS FERNÁNDEZ  | 21.08.2018 
A- A+

nVIDIA aproveitou a súa presenza na feira de videoxogos de Colonia, a Gamescom, para presentar a súa nova xeración de tarxetas gráficas, as GeForce RTX, que serían as primeiras GPU do mundo en integrar tecnoloxía de ray tracing en tempo real, o que para o director xeral da compañía, Jensen Huang, supón a reinvención dos gráficos por ordenador.
As primeiras gráficas desta nova gama, a serie RTX 20, serán a GeForce RTX 2080 Ti, RTX 2080 e RTX 2070, que na súa Founder Edition poden reservarse a prezos de 1.259, 849 e 639 euros respectivamente, aínda que chegarán modelos máis asumibles nos vindeiros meses (por norma xeral as Founter Edition custan 100 dólares máis que as adicións ordinarias destas gráficas, por chegar ao mercado con certa antelación), de xeito que estas novas gráficas elevan o nivel dos videoxogos (que poderán funcionar en 4K con HDR a 60 imaxes por segundo sen problema), confirmándose que 21 dos grandes lanzamentos que chegarán nos vindeiros meses (como Battlefield V ou Shadow of the Tomb Raider) están a desenvolverse para a plataforma nVIDIA RTX.
A xeración actual de gráficas de nVIDIA empregaban arquitectura Pascal, pero as novas fan uso de Turing, o que supón un salto de rendemento abraiante, multiplicando por 6 o número de operacións por segundo que poden realizar e por 10 o número de gigarays por segundo.
As novas GeForce RTX permiten que os efectos de iluminación e reflexos poidan aplicarse en tempo real dun xeito moi efectivo, fan uso de memoria GDDR6 ultrarrápida, melloran a escalabilidade para configuracións multi-GPU e incluso integran unha nova especificación chamada VirtualLink que permite que, por exemplo, os cascos de realidade virtual poidan conectarse ao ordenador a través dun único cable.
Das tarxetas presentadas hoxe detállase que a RTX 2080 Ti pode mover 10 Gigarays/segundo, realiza 78 billóns de RTX-OPS e está equipada con 11 GB de memoria; a RTX 2080 baixaría a 8 Gigarays/segundo, 60 billóns de RTX-OPS e 8 GB de memoria; e finalmente, a RTX 2070 quedaría en 6 Gigarays/segundo, 45 billóns de RTX-OPS e 8 GB de memoria.