El Correo Gallego

Tecnoloxía

Presentan o novo Nokia 8.1

O novo móbil busca ser referente pola calidade das súas cámaras e a súa pantalla PureDisplay

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.12.2018 
A- A+

HMD Global continúa a ampliar a familia de móbiles insignia de Nokia, presentando agora o Nokia 8.1, que destaca pola incorporación dunha boa cámara con óptica ZEISS e estabilización óptica de imaxe, o que xunto cunha pantalla PureDisplay con HDR 10 promete ofrecer unha magnífica experiencia de uso, grazas tamén a correr con Android 9 Pie, de xeito que goza da última versión de Android dende o primeiro momento (sen ter que agardar meses como acontece como moitos dos últimos lanzamentos).
O Nokia 8.1 ten unha cámara traseira de 12 Mpíxeles cun sensor con píxeles de 1,4 micras para captar a luz dun xeito preciso e conseguir imaxes máis detalladas, ao que tamén contribúe a óptica ZEISS, a estabilización óptica de imaxe (OIS) e un enfoque automático superrápido. Conta tamén cun sensor de profundidade de 13 Mpíxeles que facilita un efecto de desenfoque de fondo bastante preciso.
A cámara frontal, pola súa banda, conta cun sensor de 20 Mpíxeles que en condicións de baixa luminosidade combina os píxeles de 4 en 4, conseguindo así uns selfies nocturnos de calidade. Tamén permite gravar vídeo 4K, algo pouco habitual neste tipo de cámaras.
O procesador elixido para o Nokia 8.1 é o Snapdragon 710, o que supón unha mellora en rendemento do 20% con respecto ao Nokia 8, chegando a mellora até o 35% cando falamos dos gráficos. Este procesador tamén conta con soporte de aptX, ou sexa, que permite gozar de son de calidade a través de Bluetooth, o que agradecerán os audiófilos.
No tocante á súa pantalla, o Nokia 8.1 segue a tendencia actual do mercado e integra unha pantalla Full HD+ de 6,18 polgadas con marcos moi reducidos e pestana superior. Está equipado con 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento e batería de 3.500 mAh con carga rápida de 18 watts que promete até dous días de autonomía tirando proveito da característica de batería adaptable de Android 9. En conectividade ten Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0 e NFC; sitúa o seu lector de pegadas dixitais na parte traseira e non esquece contar cun conector de auriculares (cada vez menos presente nos móbiles). Chegará ao mercado a mediados de mes a un prezo de 399 euros.