El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

A realidade mixta está máis preto do mercado de consumo

A chinesa Nreal presentou unhas lentes de realidade mixta cun formato semellante ao dunhas lentes de sol, que funcionarán coenctándose a un dispositivo con Android.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 06.12.2019 
A- A+

A empresa chinesa Nreal está a traballar con Qualcomm para facer realidade as lentes Nreal Light MR, que tirando proveito da potencia dun dispositivo con Android cun procesador Qualcomm Snapdragon 855 (ao que se conectaría mediante USB-C) permitirían gozar de capacidade de realidade mixta en mobilidade, coa aparencia dunhas lentes de sol de só 88 gramos de peso.
Estas lentes de realidade mixta ofrecen un campo de visión de só 52 graos (que é a principal limitación que teñen actualmente este tipo de dispositivos) e conta con clips magnéticos para poder incorporarlle lentes graduadas (xa que non estamos ante un casco co que o usuario poida levar as súas lentes graduadas por debaixo).
Esta interesante solución ofrece imaxes a 1.080p a 60 imaxes por segundo a cada ollo, integran múltiples sensores para poder facer un seguimento dos movementos, e tamén teñen cámaras SLAM para rexistrar o contorno. Tal combinación permite ofrecer unha experiencia de realidade mixta na que sobreimprimir información sobre a realidade de xeito tridimensional e realista, o que pode ter moitas aplicacións profesionais e de lecer.
Estas curiosas lentes están aínda en fase de desenvolvemento, e os programadores interesados en facerse cun kit de desenvolvemeto por 1.199 dólares, o que inclúe unhas lentes, un mando con forma circular (que serve para rexistrar movementos e operar coma se fose un touchpad) e una unidade de cálculo (equipada cun procesador Qualcomm Snapdragon 845).
Estas lentes destacan fronte a outras que hai actualmente no mercado polo seu deseño compacto, de xeito que poderían marcar o camiño do que serán as lentes de realidade mixta cando tenten dar o salto ao mercado de consumo, o que comentan que podería facer Apple nos vindeiros anos, o que encaixaría coa súa estratexia de desenvolvemento de solucións de realidade aumentada para iOS (á que dedican moito tempo nas súas presentacións pese a que é unha tecnoloxía claramente ignorada polo público no seu estado actual).