El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung activa o pagamento contactless cos seus reloxos

O novo Samsung Galaxy Watch pode tirar proveito de Samsung Pay para realizar pagamentos dun xeito áxil e cómodo

MARCUS FERNÁNDEZ  | 23.10.2018 
A- A+

Acompañando a presentación do Samsung Galaxy Note9 veu a luz tamén o Galaxy Watch, nova xeración do smartwatch de Samsung, dispoñible en modelos con Bluetooth ou 4G e dous tamaños diferentes, que vén de recibir unha importante actualización en España, xa que o fabricante surcoreano activou o servizo Samsung Pay para reloxos no noso territorio, o que facilita a realización de pagamentos nos establecementos que conten cun TPV con tecnoloxía contactless (que na actualidade son a ampla maioría).
Samsung Pay funcionaba até o momento nos smartphones de Samsung con NFC, sumando máis de 800.000 usuarios nos 2 anos que leva activo o servizo e agora, en vez de ter que sacar o móbil do peto para pagar, as operacións poderán ser aínda máis áxiles, ao poder realizarse os pagamentos con só achegar o pulso ao terminal de venda.
Unha vez instalada a aplicación de Samsung Pay no reloxo conectado de Samsung haberá que elixir as tarxetas bancarias que queren introducirse no mesmo para realizar pagamentos. Despois, para pagar, chegará con realizar unha pulsación prolongada do botón de atrás, e logo empregar o dial do reloxo para seleccionar a tarxeta coa que quere pagarse, pulsar no botón de Pagar e achegar o reloxo ao TPV.
Cómpre salientar que o servizo Pay On Watch polo momento só está dispoñible para clientes de Banco Santander, CaixaBank, ImaginBank e Openbank, aínda que nos vindeiros meses chegará a outras entidades bancarias.