El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung dá un paso adiante en cámaras cos novos Galaxy S20

O Samsung Galaxy S20 Ultra está equipado cunha cámara de 108 Mpíxeles que promete abrir toda unha gama de posibilidades para a fotografía e o vídeo.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 12.02.2020 
A- A+

O evento en directo Galaxy Unpacked 2020 serviu para desvelar os novos móbiles insignia de Samsung, os Galaxy S20, que puxeron o acento en dous elementos característicos: unha nova arquitectura de cámara, que combina o meirande sensor deseñado por Samsung con intelixencia artificial; e conectividade 5G para estar preparados para o futuro das comunicacións.
Desta volta os móbiles insignia de Samsung chegan en con tres modelos principais (Galaxy S20, Galaxy S20+ e Galaxy S20 Ultra), contando os modelos máis básicos cunha cámara principal de 64 Mpíxeles (e zoom até 30x), mentres que o S20 Ultra equipará unha cámara de 108 Mpíxeles (e zoom até 100x), de xeito que podemos conseguir imaxes con grande detalle ou que poidan combinar os píxeles de 9 en 9 para conseguir imaxes de grande calidade (especialmente baixo pouca luz).
Estes móbiles tamén contará co modo Single Take, que permite que os usuarios poidan inmortalizar os momentos capturando distintas imaxes e vídeos a través de Live focus, recorte, Ultra Wide e outras opcións.
Tamén resulta interesante que estes novos smartphone poidan gravar vídeo en 8K, resolución moi superior á demanda actual do público, pero que pode ser un xeito de ter contidos compatibles cos novos televisores QLED 8K de Samsung, aínda que de cara aos usuarios  ordinarios o que apuntan é que dos vídeos en 8K poderemos extraer fotografías con alta resolución.
Un detalle a salientar destes novos teléfonos é que contan con pantalla de 120 Hz, co que prometen unha experiencia de xogo moi fluída, e para demostralo anuncian que o xogo de Microsoft Forza Street estará dispoñible na Galaxy Store.
O Galaxy S20 ten unha pantalla Quad HD+ de 6,2 polgadas, 8 Gb de RAM no modelo 4G, 12 GB de RAM no modelo 5G, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, batería de 4.000 mAh con carga rápida e carga sen fíos, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.0, altofalantes e auriculares de AKG, e un prezo que parte dos 909 euros para o modelo 4G, e que incrementaría o seu prezo en 100 euros se queremos adquirilo con conectividade 5G.
O Galaxy S20+ terá unha pantalla Quad HD+ de 6,7 polgadas, cámara traseira cuádrupla con sensor principal de 64 Mpíxeles, 8 Gb de RAM e 128 GB de almacenamento no modelo 4G, 12 GB de RAM e 128/256/512 GB de almacenamento no modelo 5G, e 4.500 mAh de batería cun prezo que parte dos 1.009 euros para o modelo 4G (o modelo con 5G e 512 GB de almacenamento chegaría até os 1.259 euros).
Pero o modelo máis impresionante é o Galaxy S10 Ultra, que custa 1.359 euros con 128 GB de almacenamento e 1.559 euros con 512 GB de almacenamento. Ten unha pantalla Quad HD+ de 6,9 polgadas e batería de 5.000 mAh, que destaca pola súa cámara cuádrupla que permite realizar zoom óptico híbrido de até 10x e un zoom de súper resolución de 100x, fronte ao 30x dos modelos anteriores. Este potente smartphone venderase a 1.359 euros con 128 GB de almacenamento e a 1.559 euros con 512 GB de capacidade.
Os compradores que reserven algún destes smartphones antes do 8 de marzo (pois chegarán ao mercado o 9 de marzo) recibirán sen custo adicional uns auriculares sen fíos Galaxy Buds+, accesorio con son de AKG que presumen dunha autonomía de 11 horas que pode ampliarse 11 horas máis grazas ao seu estoxo de carga.