El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Samsung Galaxy Note9: un smartphone ao grande

Coa renovación do Galaxy Note temos un teléfono con maior pantalla, maior potencia, maior autonomía, maior capacidade de almacenamento, mellores cámaras e novas posibilidades co S Pen que converten ao Note9 no terminal máis completo do mercado

MARCUS FERNÁNDEZ  | 09.08.2018 
A- A+

Samsung aproveitou a data do 9 de agosto para presentar o novo Galaxy Note9, renovación do seu smartphone de alta gama con lapis dixitalizador, que incorpora as últimas innovacións da compañía surcoreana e convértese no smartphone máis completo do mercado.
Un dos principais puntos fortes do Galaxy Note9 é a incorporación dunha batería de 4.000 mAh, considerablemente superior ao modelo anterior (con 3.300 mAh de capacidade), para así garantir que os seus usuarios poden rematar o día con carga pese a facer un uso intensivo do terminal; a súa capacidade de almacenamento medra para permitir elixir entre 128 e 512 GB ampliables mediante tarxetas de até 512 GB (de xeito que pode sumar até 1 TB de almacenamento); o seu potente procesador non só permite un extraordinario rendemento, senón que tamén facilita as conexións de banda larga máis rápidas do mercado (até 1,2 Gbps) e incluso integra un novo sistema de refrixeración de auga e carbono que permite que o sistema Samsung DeX poida empregarse sen unha base con refrixeración como no modelo anterior (valéndose só dun cable adaptador de USB-C a HDMI).
O S Pen, o accesorio máis característico da gama Note, incorpora por primeira vez Bluetooth, de xeito que xa non só funciona como lapis dixitalizador, senón que tamén pode aproveitarse o seu botón a xeito de mando a distancia, para así poder disparar fotografías, pausar a reprodución de vídeo ou pasar transparencias dunha presentación.
As cámaras do Note9 melloraron, non só adoptando un obxectivo de apertura variable na súa cámara principal traseira na liña dos Galaxy S9, senón que tamén integra tecnoloxías para disparar mellores instantáneas con funcións como un optimizador de escenas (que identifica elementos dunha fotografía para poder clasificar o tipo de escena en 20 categorías e así poder aplicar as pertinentes optimizacións) e un sistema de detección de fallos (que avisa cando unha foto sae desenfocada ou as persoas retratadas pestanexan) para permitir así disparar outra fotografía e non perder así o momento que se quere conservar.
O Samsung Galaxy Note9 tamén incrementa a súa pantalla de tamaño lixeiramente, quedando en 6,4 polgadas cunha resolución de 2.960 x 1.440 píxeles, e entre as súas prestacións non esquece lector de pegadas dixitais, escáner de iris, recoñecemento facial, NFC, Bluetooth 5.0, carga rápida (por USB-C e sen fíos) e incluso ten modelo con dobre SIM (aínda que con distribución limitada).
O Note9 xa pode reservarse, para a súa recepción a partires do 24 de agosto, cun prezo de 1.008,99 euros para a súa versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 512 GB de capacidade ten un prezo oficial de 1.259,01 euros. Inicialmente está dispoñible en cor púrpura, negra e azul, aínda que esta última variante (cun S Pen amarelo) só está dispoñible no modelo con 512 GB de almacenamento.