El Correo Gallego

Tecnoloxía

Samsung trae a España o seu smartphone con cámara traseira cuádrupla

O Galaxy A9 sorprende ao incorporar 4 obxectivos na súa parte traseira.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 22.11.2018 
A- A+

A poucas horas da chegada a España do Samsung Galaxy A7 coa súa cámara traseira tripla, Samsung anunciou que estaba a preparar o lanzamento do Galaxy A9 con cámara traseira cuádrupla, e finalmente témolo aquí, dispoñible para a súa compra a un prezo de 599 euros en tres cores distintas (negro azul e rosa).
Falamos dun smartphone con pantalla Super AMOLED con resolución Full HD+ e unha diagonal de 6,3 polgadas, que conta cun procesador de 8 núcleos, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB, lector de pegadas dixitais, NFC, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, un grosor de 7,8 milímetros, un peso de 183 gramos e unha batería de 3.800 mAh con carga rápida por USB-C, pero que destaca especialmente polas súas cámaras. Na frontal limítase a un único sensor de 24 Mpíxeles, pero cando imos á cámara traseira atopamos tres obxectivos con distintas aperturas e sensores de distintas resolucións, buscando unha grande versatilidade. Ten así un ultra grande angular de 8 Mpíxeles con apertura f/2.4 capaz de captar a imaxe que teñamos diante nun ángulo de 120 graos; logo temos un teleobxectivo de 10 Mpíxeles que equivalen a un zoom óptico de 2x e ten unha apertura de f/2.4; a cámara principal ten un sensor de 24 Mpíxeles con apertura f/1.7, de xeito que sería unha magnífica cámara á hora de conseguir imaxes nítidas e luminosas; e como a cuarta cámara está un sensor de 5 Mpíxeles con apertura f/2.2 que serve para detectar a profundidade, e así poder aplicar efectos de desenfoque de fondo.