Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Tecnoloxía

Os smartphones de Google fanse máis asumibles

Os Google Pixel 3a e 3a XL saen á venda a menos da metade de prezo que os Pixel 3 e 3 XL con poucos compromisos

MARCUS FERNÁNDEZ  | 07.05.2019 
A- A+

Nos últimos anos os smartphones de Google non conseguiron callar entre o público pese ás súas boas críticas (especialmente no apartado das súas cámaras, consideradas o exemplo a seguir no sector), en boa medida por un prezo esaxerado (o Google Pixel 3 XL saíu á venda a 949/1.049 euros), o que veñen de corrixir cos novos Google Pixel 3a e 3a XL, á venda por 399 e 479 euros respectivamente, converténdose nunha das mellores opcións do mercado para quen desexe un teléfono solvente e con actualizacións de Android rápidas e garantidas durante 3 anos.
O Pixel 3a ten unha pantalla OLED Full HD+ de 5,6 polgadas, mentres que o Pixel 3a XL chega até as 6 polgadas, que xunto coas súas baterías de 3.000 e 3.700 mAh respectivamente son as características que diferencian aos modelos que comparten o resto de prestacións: procesador Qualcomm Snapdragon 670, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 12 ,2 Mpíxeles e frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas traseiro, USB-C (con carga rápida de 18 watts), toma para auriculares e carcasa en branco ou en negro.
Vendo uns smartphones tan completos, chega a pregunta: que compromisos realizan estes smartphones para ser máis baratos que a súa versión anterior? Pois principalmente optan por un procesador de gama media en vez dun modelo de gama alta, prescinden da resistencia á auga e da carga sen fíos, e o seu corpo é de policarbonato (en vez de contar cunha traseira de cristal). Falamos dun salto de características que dificilmente xustifican os 450 euros de diferenza de prezo, de aí que sexa bastante probable que estes novos teléfonos trunfen onde fracasaron os seus modelos de alta gama.