El Correo Gallego

Tecnoloxía

Sony Xperia 1 II: un móbil de cine

O novo smartphone insignia de Sony aposta polos formatos cinematográficos na súa pantalla e a súa cámara, sen atender ás demandas do mercado.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 24.02.2020 
A- A+

O ano pasado, no marco do Mobile World Congress, Sony presentou o seu smartphone Xperia 1, que sorprendía cunha pantalla OLED ultrapanorámica e unha configuración de cámaras orientada á gravación de vídeo en formato cinematográfico. Pero o Sony Xperia 1 non chegou a España até o pasado mes de xuño a un prezo de 949 euros con 128 GB de almacenamento interno, prezo esaxerado para as súas especificacións, de aí que o terminal fose irrelevante a nivel de vendas, o que non impediu á compañía nipoa recuncar co Sony Xperia 1 II, un novo smartphone que avanza na mesma dirección, incorporando agora un procesador Qualcomm Snapdragon 865 5G e unha batería de 4.000 mAh con carga rápida (tamén sen fíos), o que supón unha importante actualización.
O Sony Xperia 1 II presume dunha pantalla ultrapanorámica OLED de 6,5 polgadas con resolución 4K e HDR e dunhas cámaras deseñadas coa axuda dos enxeñeiros das cámaras Sony Alpha 9 e con obxectivos ZEISS (conta con 3 sensores de 12 Mpíxeles con distintas distancias focais e cun sensor de profundidade), volve apostar pola gravación de vídeo en formato 21:9 con calidade profesional grazas á tecnoloxía CineAlta (pode gravar en 4K a 24/25/30/60 imaxes por segundo ou a 2K a 120 imaxes por segundo), aposta por un son de calidade (con altofalantes estéreo, conector de 3,5 milímetros e compatibilidade con son sen fíos de alta resolución e 360 Reality Audio) e, como vén sendo habitual, resistencia á auga e cristal Corning Gorilla Glass 6 por ambas caras.
Entre os detalles que Sony destaca deste novo smartphone está que pode disparar refoladas de 20 fotografías por segundo aproveitando un sistema de enfoque e exposición automáticos que realizan os seus cálculos 60 veces por segundo, rivalizando co sistema de enfoque automático continuo das cámaras Sony Alpha.
O móbil chegará ao mercado con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de até 1 TB), 5G, Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1, NFC e dobre SIM, aínda que non o vermos nas tendas até primavera a un prezo que previsiblemente será moi elevado, polo que é de esperar que teña a mesma resposta que o seu modelo anterior.