El Correo Gallego

Tecnoloxía

A tableta Surface Go chega ás tendas

O equipo de entrada da gama Surface sae á venda en España a un prezo que parte dos 449 euros

MARCUS FERNÁNDEZ  | 28.08.2018 
A- A+

A primeiros de xullo presentouse a Surface Go, a tableta de entrada de Microsoft, que en vez dos elevados prezos das Surface Pro parte dun prezo de 449 euros, e por fin sae á venda en España, de xeito que podemos mercar a versión básica con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento eMMC polos mencionados 449 euros, mentres que por 599 euros podemos facernos co modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento SSD. Adicionalmente tamén está á venda a funda-teclado Surface Go Type Cover por 99,99 euros, o lapis para Surface por 109,99 euros e o Surface Mobile Mouse por 35,99 euros.
Lembremos que este equipo informático con Windows 10 conta cunha pantalla táctil PixelSense de 10 polgadas, pesa só 522 gramos, ten un grosor de só 8,3 milímetros e integra unha peaña para facilitar o seu uso no escritorio. Funciona cun procesador Intel Pentium Gold de sétima xeración e promete unha autonomía de até 9 horas.

Cómpre advertir que a versión máis básica resulta moi limitada, mentres que a configuración máis completa ten un prezo demasiado próximo a equipos dunha gama moi superior, xa que de sumarlle todos os accesorios aproximaríase aos 845 euros, o que para a meirande parte de consumidores resultaría excesivo para un produto desta gama.
Aínda que o hardware do Surface Go é o dunha tableta, dado o software co que funciona resulta máis razoable velo como un ordenador portátil completo e altamente transportable, que tamén resulta práctico para o consumo multimedia. É así unha solución atractiva para quen quere levar un ordenador enriba sen cargar cun equipo pesado, á vez que tamén pode resultar bastante práctico o feito de poder equiparse cun lapis dixitalizador para poder tomar notas, realizar esquemas e, en definitiva, ser máis versátil que un ordenador convencional.