El Correo Gallego

Tecnoloxía

The Waylanders inicia a súa campaña de micromecenado

O videoxogo galego ambientado ao redor do Camiño de Santiago busca financiamento a través de Kickstarter

MARCUS FERNÁNDEZ  | 17.10.2018 
A- A+

En marzo o estudio coruñés Gato Salvaje presentou o proxecto no que levan bastantes meses traballando, o xogo de rol The Waylanders, dando conta de que o xogo involucra a un elevado número de profesionais e conta cun orzamento próximo aos 2 millóns de euros, polo que sería un dos videoxogos máis ambiciosos a nivel estatal. Esta aventura estaría ambientada ao redor do Camiño de Santiago, nas épocas celta e medieval, introducindo lendas e mitoloxías galegas para construír unha temática de espada e bruxería que tan boa aceptación ten no lecer electrónico e, de feito, este universo tamén serviu para inspirar un xogo de mesa de Eclipse Editorial que superou con éxito unha campaña de micromecenado para que sexa unha realidade o ano que vén.
Para tomar o pulso ao mercado e ter tamén unha fonte máis de financiamento, Gato Salvaje vén de iniciar unha campaña en Kickstarter a través da que os entusiastas dos xogos de rol poden apoiar o proxecto e mercar o xogo na súa versión para PC de xeito anticipado e con opcións para recibir contidos adicionais moi interesantes.
Quen queira apoiar á creación de The Waylanders pode realizar unha achega de a partires de 5 dólares, aínda que por a partires de 20-30 dólares é posible facerse coa Celtic Guardian Edition, ou sexa, unha copia dixital do xogo final para ordenadores persoas que poderá descargarse a partires de xuño de 2020 a través de Steam.
Os mecenas máis xenerosos poderán facerse con edicións máis completas, que non só inclúen contidos dixitais adicionais como libros de ilustracións ou a banda sonora, senón que tamén abren o acceso á versión de proba do xogo, a complementos dixitais exclusivos e incluso completísimas edicións físicas do xogo, existindo incluso a posibilidade de facerse cunha visita de 2 días á Coruña, para coñecer os lugares onde se desenvolve o xogo e probar as comidas e bebidas locais, así como gozar do videoxogos e do xogo de mesa coa xente de Gato Salvaje.
Na campaña de micromecenado de The Waylanders deixan caer que este título está inspirado en Dragon Age: Origins, Neverwinter Nights 2 e Baldur’s Gate, entre outros xogos, pero incorporando un innovador sistema de combate táctico que sorprenderá a moitos (permitindo que o equipo de heroes adopte formacións nos seus ataques). Contaremos con 6 clases principais, 30 clases avanzadas e máis de 800 habilidades, de xeito que haberá moitos xeitos de crear os nosos heroes que vivirán unha aventura cunha rica historia que dará para máis de 40 horas de xogo.
En The Waylanders podemos ver a acción en dous tipos de puntos de vista (isométrica e terceira persoa) de xeito que podemos mudar a perspectiva en función da situación na que nos atopemos, decidindo así se ter unha visión táctica ou unha experiencia máis inmersiva segundo o momento.
Os escenarios nos que se desenvolver a historia están inspirados en localizacións de Galicia e Irlanda, mentres que a aventura iniciarase na época celta, trasladándose logo a un período medieval no que se reencarnarán os distintos personaxes, o que suporá grandes cambios e permitirá que vexamos os primeiros anos do Camiño de Santiago. Pero esta non será a única ligazón do xogo coa nosa comunidade, xa que non só estará dobrado ao inglés e ao español, senón que tamén contará con dobraxe en galego, algo inédito nun xogo destas dimensións.