El Correo Gallego

Tecnoloxía

TP-Link pon á venda unha solución para mellorar a Wi-Fi doméstica

Coa tecnoloxía de Wi-Fi en malla como a do TP-Link Deco M4 podemos conseguir unha boa cobertura de rede sen fíos en domicilios de até 370 metros cadrados.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 02.04.2019 
A- A+

As solucións de conectividade Wi-Fi mesh resultan moi axeitadas para fogares de grande tamaño nos que os routers sen fíos tradicionais non son capaces de subministrar unha boa cobertura, e aínda que os dispositivos que permiten establecer estas redes de tipo malla son bastante caros (de aí que Vodafone estea a ofrecelos a xeito de servizo de pagamento mensual), pouco a pouco fanse máis asumibles, e TP-Link está a presentar a súa solución Deco M4 de dobre banda e 3 unidades a un prezo bastante axustado, que nos EE.UU. sería de 179,99 dólares e que en España podemos atopar a 199,90 euros.
Esta solución de TP-Link vai dirixida a eliminar as zonas de sombra en fogares de até 370 metros cadrados, pode configurarse a través dunha aplicación móbil e asegura ser capaz de dar conectividade até a un cento de dispositivos. Establece conexións de 300 Mbps na banda dos 2,4 GHz e de 867 Mbps na banda dos 5 GHz, contando cun largo de banda total de 1.200 Mbps.
Dado que estamos ante unha solución doméstica, tamén conta con funcionalidades como sistemas de control parental (permitindo establecer límites ás conexións, como bloquear o acceso a certas páxinas web ou o tempo máximo que pode pasar na Rede cada membro da familia) e incluso é compatible co asistente de Amazon (Alexa) para o seu control por voz e co sistema de automatización IFTTT.
Coas redes Wi-Fi de tipo malla sitúanse distintas unidades repartidas polo fogar dun xeito semellante ao funcionamento de repetidores tradicionais, pero con certa intelixencia, xa que as unidades comunícanse entre si, para achegar sempre a mellor conexión posible aos dispositivos en liña.