Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Tecnoloxía

Vivo presenta un móbil con dúas pantallas

A solución do fabricante chinés pretende arranxar un problema que non é tal do xeito menos óptimo posible, conseguindo captar a atención polo camiño.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 11.12.2018 
A- A+

A tola idea de conseguir maximizar o espazo ocupado pola pantalla dun smartphone prescindindo da súa cámara frontal por instalar unha pantalla secundaria na parte traseira finalmente confirmouse como unha realidade, e Vivo presentou en China o seu novo móbil insignia, o NEX Dual Display Edition, que integra cámara tripla na parte traseira do smartphone, mentres que a parte frontal está ocupada por unha pantalla Super AMOLED de 6,39 polgadas Ultra FullView que abarca o 91,63% do espazo, librándose da pestana superior que teñen móbiles como o iPhone Xs, e ofrecendo unha grande experiencia de visión.
Na parte traseira a pantalla Super AMOLED limítase ás 5,49 polgadas, deixando espazo ás cámaras traseiras colocadas dentro dun anel luar, que serve para advertir de notificacións mediante luz e tamén pode escintilar coa música. A pantalla táctil traseira tamén podería aproveitarse en momentos puntuais para, por exemplo, simular un par de botóns/touchpad traseiros para certos xogos.
A cámara principal sería unha Dual-Pixel de 12 Mpíxeles (cun sensor Sony IMX363 cun estabilizador óptico de imaxe de 4 eixes), acompañada por unha cámara especializada en vídeo nocturno e por unha cámara 3D (que mellora tamén o recoñecemento facial).
O Vivo NEX Dual Display Edition funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 de 8 núcleos, inclúe 10 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, e a súa batería de 3.500 mAh pode cargarse por USB-C. Sae á venda en China o vindeiro 29 de decembro a un prezo de 4.998 iuans (639 euros).