Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

WhatsApp estrea chamadas de voz e vídeo en grupo

A partires de agora será posible engadir contactos a chamadas de voz ou vídeo en curso até un máximo de catro participantes dentro de WhatsApp

A primeiros de maio Facebook avanzou que estaban a ultimar a incorporación de conversas grupais en vídeo para Instagram e para WhatsApp, e tras chegar esta funcionalidade a Instagram hai algo máis dun mes, chegou o día no que WhatsApp estrea a posibilidade de realizar chamadas de voz e de vídeo en grupos de até catro persoas.
Esta nova funcionalidade incorpórase dun xeito natural, de xeito que cando esteamos a facer unha chamada de voz ou vídeo, simplemente teremos que premer no botón de engadir participante que figura na esquina superior dereita da pantalla para poder engadir a outros contactos á conversa, dividíndose a pantalla para facer sitio aos distintos interlocutores.
Estas comunicacións, ao igual que acontece coas chamadas punto a punto, están cifradas entre extremos, de xeito que podemos consideralas seguras, e esta tecnoloxía adáptase tamén ás condicións das conexións de rede, para manter a comunicación do mellor xeito posible.
As chamadas de voz e vídeo en grupo comezaron a espallarse internacionalmente nas últimas horas para as aplicacións de WhatsApp para Android e iOS, de xeito que en breve estarán dispoñibles para a meirande parte de usuarios de WhatsApp.

31 jul 2018 / 12:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito