El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi estrea a súa alternativa ao Apple Watch

O primeiro smartwatch de Xiaomi quere competir co de Apple chegando ao mercado pola metade de prezo. Destaca fronte a moitos outros produtos semellante por contar con eSIM (ou sexa, por ter conectividade móbil, e non precisar de introducirlle unha tarxeta SIM física para gozar de tal funcionalidade).

MARCUS FERNÁNDEZ  | 05.11.2019 
A- A+

Na presentación realizada esta mañá por Xiaomi o que máis curiosidade espertou foi o Mi Watch, por seres o primeiro reloxo conectado do fabricante chinés, considerado un plaxio descarado do Apple Watch tanto polo seu formato de pantalla cadrado como pola súa interface de uso. Este Mi Watch ten unha pantalla AMOLED de 1,78 polgadas cunha resolución de 326 puntos por polgada, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon Wear 3100 e integra altofalantes, NFC, Wi-Fi, Bluetooth, monitor cardíaco e incluso conectividade móbil, xa que este reloxo inclúe soporte de eSIM (ou sexa, que non competiría do Apple Watch básico, senón coa súa versión con 4G, que ten un prezo de venda de a partires de 549 euros).
O Mi Watch busca ser un bo acompañante para a práctica deportiva, de xeito que conta con 10 modos deportivos (como correr, andar en bicicleta, nadar ou escalar) para facer un seguimento das actividades físicas. Tamén permite analizar a calidade do sono.
A nivel de software estamos ante un produto que a China chegará con MIUI For Watch, sistema operativo con máis dun cento de esferas seleccionables e máis de 40 aplicacións dispoñibles, que pode controlarse tamén mediante voz cun asistente de Xiaomi que facilita así o manexo da música, das chamadas telefónicas e da navegación. Tamén busca integrarse coas solucións domóticas de Xiaomi.
Para usuarios máis esixentes, Xiaomi porá á venda 30.000 unidades dunha Special Edition que destaca polo cristal de zafiro azul na súa pantalla, incluíndo tamén un cargador magnético na caixa.
O Mi Watch sae hoxe á venda en cor prata ou negra a un prezo de 1.999 iuans (258 euros), mentres que a Special Edition custará 2.999 iuans (386 euros) e poderase reservar a partires de mediados de decembro.