El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi introduce cámaras de 64 Mpíxeles nos seus móbiles Redmi

O fabricante chinés presentou os seus móbiles Redmi Note 8 e Redmi Note 8 Pro, co acento posto nas cámaras e nos seus procesadores, de xeito que sería bos móbiles para a fotografía e os videoxogos

MARCUS FERNÁNDEZ  | 29.08.2019 
A- A+

Xiaomi vén de presentar os seus novos Redmi Note 7 e Redmi Note 8 Pro. Este último será o primeiro smartphone da marca en integrar o sensor Samsung GW1 de 64 Mpíxeles, contando tamén co procesador MediaTek Helio G90T. Pla súa banda, o Redmi Note 8 contará cunha cámara cuádrupla de 48 Mpíxeles, carga rápida de 18 watts e o sistema de son máis potente na serie Redmi Note.
O Redmi Note 8 Pro é un potente smartphone co mencionado procesador Helio G90T de 8 núcleos que grazas á súa gráfica ARM Mali-G76 consegue un bo desempeño nos videoxogos, e que tamén integra un sistema de refrixeración LiquidCool para poder manter un funcionamento con alto rendemento o máximo tempo posible.
O seu apartado máis rechamante é o das cámaras, xa que na súa traseira ten o moi nomeado sensor principal de 64 Mpíxeles, apoiado por un grande angular de 8 Mpíxeles, unha lente macro de 2 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles, de xeito que sería a cámara traseira máis versátil vista nunca nun móbil da serie Redmi. A cámara frontal é de 20 Mpíxeles.
Tamén conta con protección Corning Gorilla Glass 5 nas súas partes frontal e traseira, a súa pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas ocupa o 91,4% da súa frontal, a súa xenerosa batería de 4.500 mAh garante unha boa autonomía (gozando tamén de carga rápida a 18 watts por USB-C) e incluso pode presumir de resistencia a salpicaduras (IP52), NFC, infravermellos e toma de auriculares.
O seu prezo a partires do 3 de setembro (en reserva dende hoxe) será de 1.399 iuans (177 euros) para o seu modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, de 1.599 iuans (202 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e de 1.799 iuans (227 euros) para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.

O Redmi Note 8 é un smartphone máis modesto, cun procesador Qualcomm Snapdragon 665, cámara traseira cuádrupla de 48 Mpíxeles (apoiada tamén por sensores de 8, 2 e 2 Mpíxeles), cámara frontal de 13 Mpíxeles, infravermellos, toma de auriculares e batería de 4.000 mAh con carga rápida a 18 watts, que podemos velo como un sucesor directo do Redmi Note 7 (un dos smartphones de maior éxito actualmente).
Este smartphone sairá á venda o 17 de setembro a un prezo de 999 iuans (126 euros) para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, de 1199 iuans (152 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e de 1399 iuans (177 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Estes novos smartphones resultan moi prometedores, pero haberá que agardar a que cheguen ao mercado para comprobar a súa potencia e a calidade das súas cámaras, que de confirmarse converterían a estes terminais nuns dos grandes referentes da gama media para o último trimestre do ano.