El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi presenta en España o Mi A3

O novo smartphone chinés con Android One chega con boas cámaras e xenerosa batería, pero cunha pantalla cunha resolución moi mellorable

MARCUS FERNÁNDEZ  | 18.07.2019 
A- A+

Os smartphones de Xiaomi con Android One teñen unha grande aceptación por parte do público occidental, o que quedou claro ao presentarse globalmente o novo Mi A3 dende España. Este tipo de dispositivos presumen de ofrecer unha experiencia de Android máis pura e contar con actualizacións de sistema operativo e seguridade garantidas durante bastante tempo,  o que supón certa garantía.
Actualmente os móbiles de Xiaomi con Android One eran o Mi A2 e o Mi A2 Lite, que diferenciábanse por apostar o Mi A2 por unhas boas cámaras e pantalla, mentres que o Mi A2 Lite conta con maior autonomía mentres confórmase con non destacar nos puntos fortes do seu irmán. Pero o Mi A3 é un sucesor curioso, que queda a medio camiño, xa que dá un importante salto en cámaras e goza de boa autonomía, á vez que confórmase cunha pantalla cunha resolución que non semella digna dun terminal de gama media, polo que parece un dispositivo orientado para quen busca principalmente boas cámaras.
O Mi A3 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 665 e 4 GB de RAM, ten unha pantalla AMOLED de 6,088 polgadas con pestana superior central con forma de pinga e unha resolución de só 1.560 x 720 píxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, toma para auriculares, batería de 4.030 mAh con carga rápida de 18 watts e unhas cámaras moi superiores ás de anteriores. A cámara traseira tripla do Mi A3 ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e unha cámara de profundidade de 2 Mpíxeles, que prometen imaxes nítidas, modo retrato con intelixencia artificial e fotografías nocturnas estables a man alzada; mentres que a súa cámara frontal ten un sensor de 32 Mpíxeles con Superpíxel 4 en 1 e modo de selfie panorámico para evitar a necesidade dun pau de selfie para fotografías de grupo.
Este novo smartphone chega ao mercado a un prezo de 249 euros para o seu modelo con 64 GB de almacenamento, mentres que a versión con 128 GB de capacidade só incrementa o seu prezo até os 279 euros.