El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Xiaomi presenta novos produtos chamados a trunfar

Os novos smartphones Mi 8 e Mi 8 SE prometen conseguir moi boas vendas, así como a súa pulseira de actividade Mi Band 3.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 31.05.2018 
A- A+

Xiaomi celebrou hoxe un evento en China para anunciar o lanzamento de varios produtos que teñen todas as bazas para converterse en auténticos supervendas nos vindeiros meses, dada a súa relación entre prestacións e prezo, que tanto coida esta marca.
Comezaron presentando MIUI 10, renovación da capa de personalización de Android de Xiaomi que agora maximiza o espazo en pantalla, inclúe xestos a pantalla completa, permite eliminar tarefas con só deslizalas, amosa máis opcións cunha pulsación prolongada, integra funcións de realidade artificial para que o sistema poida anticiparse ás accións do usuario, fai máis doado controlar os dispositivos conectados no fogar e incluso estrea un nodo de retrato con desenfoque de fondo que funciona con calquera cámara (sen precisar que sexa dual).

O novo móbil de referencia de Xiaomi

A desculpa para este evento era amosar ao público o impresionante novo buque insignia da compañía, o Mi 8, un smartphone con pantalla AMOLED (fabricada por Samsung) de 6,21 polgadas cunha resolución de 2.248 x 1.080 píxeles con pestana superior (que agocha un sensor de infravermellos para recoñecemento facial) e que ocupa o 88,5% do frontal do teléfono, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6/8 GB de RAM, 128/256 GB de almacenamento interno, cámara traseira dual de con dous sensores de 12 Mpíxeles (con aperturas de f/1.8 e f/2.4) que consegue unha puntuación de 99 en DxOMark (superando ao iPhone X e ao Google Pixel 2, quedando só un chanzo por detrás do Samsung Galaxy S9+), e batería de 3.400 mAh con carga por USB-C con QuickCharge 4.0. O seu grosor é de 7,6 milímetros e o seu peso de 175 gramos.
Os prezos deste smartphone son realmente competitivos, partindo de 2.699 iuans (361 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 2.999 iuans (400 euros) para  modelo con 6 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno e 3.299 iuans (440 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno.
Tamén estará dispoñible unha versión Explorer Edition que integrará unha traseira translúcida, recoñecemento facial 3D e lector de pegadas dixitais en pantalla.

Un Mi 8 económico

Pero aínda que o Mi 8 poida semellar o produto máis destacada do catálogo de Xiaomi, a súa versión económica podería ter unha acollida moi superior, xa que o Mi 8 SE ten un prezo de 1.799 iuans (240 euros) para o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 1.999 iuans (267 euros) con 6 GB de RAM, de xeito que entraría no rango de prezo dos gama media, pero sen ter que facer grandes sacrificios para conseguir tal cousa. O Mi 8 SE ten unha pantalla AMOLED Full HD+ de 5,88 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 710, cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles, cámara frontal de 20 Mpíxeles e batería de 3.1210 mAh.

Nova pulseira de actividade

Aparte de teléfonos, Xiaomi tamén estrea un casco de realidade virtual e un televisor de 75 polgadas para o mercado chinés, e outro produto que sen dúbida vai trunfar globalmente: a nova pulseira de actividade Mi Band 3. As pulseiras de actividade de Xiaomi son todo un éxito, polo seu prezo contido e boas prestacións, pero desta volta superáronse, xa que por só 169 iuans (22,55 euros) achegan unha pulseira cunha pantalla OLED capacitiva, resistencia á auga até 50 metros, recepción de notificacións de aplicacións e chamadas (para poder respondelas cun toque), seguimento de actividade e saúde e até 20 días de autonomía. Resumindo podería dicirse que Xiaomi nunca deu tanto por tan pouco.