El Correo Gallego

Tecnoloxía

Xiaomi presenta un novo smartphone de baixa gama

O Redmi Go podería chegar a Europa a un prezo de menos de 80 euros

MARCUS FERNÁNDEZ  | 29.01.2019 
A- A+

A liña Redmi de Xiaomi vai recibir en breve un smartphone de baixa gama dirixido a mercados emerxentes, aínda que coméntase que tamén poderiamos telo en Europa a un prezo inferior aos 80 euros, o que podería ser interesante para usuarios moi básicos ou para ter como teléfono para emerxencias.
Finalmente as especificacións do Redmi Go son públicas, e este dispositivo cunha versión reducida de Android 8.1 (Android Go) funcionaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 425 de 4 núcleos a 1,4 GHz, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), configuración claramente insuficiente para a meirande parte de aplicacións modernas, pero que poderían ser dabondo para un teléfono que só pretenda empregarse para realizar chamadas e intercambiar mensaxes de WhatsApp.
A pantalla do Redmi Go terá 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, a batería confórmase con 3.000 mAh (o que debería chegar para unha boa autonomía dada a configuración do dispositivo), as súas cámaras traseira e frontal serán de 8 e 5 Mpíxeles, contará con dobre SIM e tamén conta con conectividade Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e USB 2.0, ou sexa, que estariamos ante un terminal que parece sacado dunha viaxe no tempo, o que podería ser dabondo para usuarios que busquen principalmente un prezo axustado.