Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A USC está mellor que a media de Europa na ratio profesor/alumno

Un estudo analiza 38 institucións de tamaño similar en número de alumnos e orzamentos

    Dous dos indicativos de calidade de calquera universidade son o número de estudantes por cada docente e mais os euros que se invisten por cada alumno.

    A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está mellor que a media europea na porcentaxe de alumnos por profesor -12,9 por cada PDI (persoal docente e investigador) fronte os 15 europeos de media- pero ben lonxe en canto ao orzamento por estudante -8.445 euros fronte os 14.200 da media europea-, segundo revela un informe elaborado pola Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, á fronte da que está o catedrático Gumersindo Feijoo.

    O traballo analiza eses dous indicadores nunha escolma de 38 universidades españolas e europeas que están incluídas no Top 500 do Ranking de Shanghái do 2018 e que poidan ser unha referencia axeitada ás condicións propias da USC, é dicir, institucións académicas dun tamaño similar en número de alumnos e cun mapa de titulacións que abrangue as cinco grandes áreas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura.

    Canda a USC figuran a Universidade Autónoma de Barcelona, a de Madrid, e a Universidade do País Vasco en España. De Europa aparecen institucións académicas de Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Países Baixos, Portugal, Reino Unido e Suecia.

    En relación ás catro universidades españolas que figuran na análise, o financiamento da USC sitúase entre un 4 e un 7 por cento menos, co que para chegar a valores próximos (cos alumnos actuais) suporía dispor dun orzamento de arredor de 240 millóns de euros, que se traduciría nun incremento absoluto de aproximadamente 15 millóns de euros anuais.

    Non semella un desexo inalcanzable no caso das do noso país. Pero se a USC se compara coas universidades europeas, unha inmensa maioría delas superan en orzamento por estudante á cinco veces centenaria, chegando incluso a duplicar ou triplicar no caso das universidades alemás, británicas, holandesas ou suecas. Con respecto á media europea, a desviación é dun 68 por cento e ata aí é completamente imposible chegar a medio prazo pois suporía para a USC multiplicar por moitos números o seu orzamento.

    No que atinxe ao indicador do desempeño docente (número de estudantes por cada PDI), aínda que a de Compostela ten menos alumnos por docente que a media (12,9 fronte a 15), os resultados son peores que os das universidades europeas que se atopan en posicións máis destacadas no Ranking de Shanghái, consonte desvela a análise realizada dende a Vicerreitoría de Proxección e Planificación Estratéxica da USC.

    Ademais, conclúe o informe, se se ten en conta o envellecemento dos PDI en Santiago -a idade media é superior aos 55 anos-, a curto prazo haberá xubilacións de boa parte do cadro de profesorado co conseguinte ascenso no gráfico adxunto nesta páxina que faría que a USC supere a media, ampliando aínda máis a distancia coas europeas. Este efecto non de-sexado podería suavizarse coa taxa de reposición ao cen por cen, e tamén podería mellorar recuperando prazas docentes perdidas nos anos máis duros da crise económica.

    As clasificacións (Shanghai, THE, entre outras) convertéronse nos últimos anos en temas moi ben recibidos pola sociedade porque supoñen a imaxe final que se percibe das universidades, pero dende Proxección e Planificación Estratéxica advirten de que para a USC non son un obxectivo en si mesmos senón un resultado máis que reflicte o bo facer. Gumersindo Feijoo explica que o obxectivo é formar ben á xente, investigar... "Se o facemos ben, -di- aparecen os resultados como a reputación, inserción laboral dos nosos egresados, aparición nun ranquin... É dicir, é o resultado do bo facer".

    11 nov 2018 / 22:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito