Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

3 Caminos

A recente estreada serie sobre o Camiño de Santiago na plataforma de Amazon Prime Video, coproducida por Amazon, a produtora galega Ficción Producciones, e Beta Films, coa participación de RTVG, RTP de Portugal e Unoenlouno de México, e dirixida por Iñaki Mercero e Norberto López Amado está dando que falar. A pesar dos confinamentos e das restricións de mobilidade, esta serie, impulsada pola Xunta, permite que unha das rutas máis antigas e coñecidas do mundo sexa un dos grandes destinos, cando menos, virtuais, deste ano Santo 2021.

Así que, eu convídoo a viaxar a través da pequena pantalla, non sen antes recoller primeiro as críticas, porque nisto da opinión e dos gustos, xa se sabe! Que se a escena de acción e supervivencia nunha coñecida praia fluvial, dun coñecido río galego non resulta crible; que se colocar Fantastic Shine de Love of Lesbian, ao final do primeiro episodio dálle un toque de anuncio de cervexa, que non axuda; que se é moi sensibloide; que se non engancha; que se as vidas e guións dos protagonistas abeiran o lacrimóxeno e o tráxico, ata o punto de que o espectador perde a paciencia; que se funciona mellor como postal turística, que como ficción carente dunha trama que atrape; que se queda nun “branded content” lexítimo, pero lonxe de valor artístico... En resumo, que unha cousa é facer cine e outra un spot publicitario.

Estas serían, grosso modo, as críticas negativas. Agora, permítanme resaltar os aspectos positivos, que tamén os ten: 3 Caminos é a historia de cinco peregrinos en tres momentos ou ventás diferentes (2000, 2006, 2021). Son peregrinos reincidentes, peregrinos que repiten o Camiño, porque o Camiño deixa algo neles. Unha realidade que se constata nas estatísticas reais. Hai un personaxe máis, o propio Camiño. Un bombeiro mexicano, unha activista antisistema alemá, unha alegre española con ascendencia galega, que apura os seus últimos días de solteira, un italiano aventureiro e vividor e un coreano músico. Todos co seu pasado, traumas e vidas, que coinciden nesas palabras atribuídas a Goethe e que están escritas no chan da Porta do Camiño en seis idiomas diferentes: “Europa fíxose peregrinando a Compostela”. E, neste punto esta serie pide, si ou si, que se vexa en VO. A dobraxe non axuda e resulta indispensable que os protagonistas falen nas súas linguas, e en inglés entre eles. Máis funcional e verosímil.

Os flashbacks están ben inseridos e cumpren o seu cometido. Os silencios son maxistrais. As presentacións a cada capítulo, coa voz en off dalgún dos personaxes resulta tan pedagóxica como reconfortante. As interpretacións están moi logradas por parte dos actores e non hai nada que reclamarlles. Unha gran pregunta abordoume cando rematei a serie. Funciona igual con xente que fixo o Camiño, que con xente que non o fixo? É unha serie que evoca do mesmo xeito os espazos e paisaxes recoñecidos que os descoñecidos? Porque esta serie vai de paisaxe histórica. Explícome: Cando un se senta na beira da ría de Arousa, hai quen só ve auga e hai quen durante uns segundos saborea estar nun lugar privilexiado, nun lugar por onde hai mil anos pasaron ría arriba e ría abaixo os normandos, daneses ou viquingos. Esa sensación de estar nun lugar privilexiado, enriba dun castro, dentro dunha catedral centenaria, formar parte da historia, saber viaxar no tempo... supón, primeiro, formación e segundo, sensibilidade. Pois, cando un fai o Camiño sabe que séculos e séculos antes, por eses mesmos lugares pasaron persoas coas súas vidas, coas súas razóns, coas súas teimas, coas súas promesas. Esa maxia do Camiño queda ben expresada na súa banda sonora, coas cancións de Fredi Leis, “Santiago”, pero sobre todo, no que a esta sensibilidade paisaxístico-espiritual e histórica se refire, na do tema “Caminantes”, de Iván Ferreiro e Andrés Suárez, cunha letra que dá no cravo: “No se puede explicar, no se puede contar (...) El Camino me llama / lo que intento explicar es que ya estoy llegando / imposible el momento, imposible el lugar... No se puede explicar...”

Convén saber diferenciar os xéneros. Claro que tamén gozamos e podemos ver ficción, atracos a bancos, acción, drama, humor... Mire esta “road movie” e non se deixe levar polas críticas de todos cantos miran ao mar e non ven máis que auga. Vexa ou non vexa barcos daneses, eles pasaron por aí, igual que milleiros de persoas cara Compostela. Estar na historia, conmoverse mirando unha paisaxe, emprender un camiño como metáfora da vida, e ter a enorme fortuna de vivir e formar parte desa historia como galegos que somos, non ten prezo, e iso é o que consegue esta serie. Lembre o que lle dixeron ao Principiño: “Só co corazón se pode ver ben; o esencial é invisible aos ollos”.

30 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.