Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A arquitectura en Galicia, un exemplo de compromiso

Feijóo eloxia o seu traballo na recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou onte o compromiso da arquitectura de Galicia coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar as vilas e cidades do mañá.

Durante o acto de entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, Feijóo destacou a implicación dos profesionais de sector na recuperación do noso patrimonio urbanístico, no embelecemento das poboacións e da posta en valor da nosa cultura paisaxística; así como a aposta pola sustentabilidade ambiental e a eficiencia, sen sacrificar a funcionalidade nin a estética.

Nesta mesma liña, incidiu na importancia da arquitectura como elemento dinamizador da economía, do turismo e da demografía, “un sector que ten moito que dicir na reconstrución económica que afrontamos”.

Sobre este punto, recordou que o Executivo galego leva anos desenvolvendo iniciativas en todas as frontes (vivenda, urbanismo e paisaxe), activando medidas de país.

Segundo o presidente do Executivo autonómico, todos estes obxectivos atopan o mellor reflexo nos proxectos galardoados: “Recoñecemos a visión innovadora de arquitectos como Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal, artífices da nova escola infantil de Veigadaña, en Mos; así como a aposta pola eficiencia do proxecto de reforma do antigo hotel Galicia, no centro de Vigo, de Leonardo Llamas”, expuxo, referíndose tamén ás iniciativas de recuperación levadas a cabo por Juan José Otero, Cecilia López, Juan Antonio Caridad e Isidro López. Sobre Alfonso Penela aseverou que hai un Vigo contemporáneo que non se explica sen el, citando a recuperación do antigo Xeral, xa reconvertido en Cidade da Xustiza; e a rehabilitación premiada da vivenda da Praza dos Pescadores, “nese Vigo histórico que volve latexar”.

E de Manuel Gallego Jorreto, referente da arquitectura de Galicia, afirmou que soubo irmandar nas súas obras a innovación e respecto pola tradición e paisaxe, entendendo sempre que a obra do arquitecto debía ser amiga da integración, non da ruptura co establecido. “Comprometido coa funcionalidade e a beleza; comprometido coa terra, cos valores e co nosa cultura ata o extremo de poder dicir hoxe que as súas obras son xa patrimonio arquitectónico de Galicia”, abundou.

06 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.