Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A autenticidade en contra da imposición de calquera moda

“Son feo, son triste e aínda por riba estou namorado”. Deste xeito tan prosaico autorretrátase o Chispas, quen se considera un músico cósmico e non cómico. Estes primeiros acordes da narración homónima de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) avanzan os esquemas compositivos da súa historia, na que se establece un xogo de espellos entre os modos de vida dos terrícolas e os habitantes de Mutandi, que é perpectivizado desde un humor conducente á reflexión.

Na curiosa vila de Estralampo, cuxo topónimo xa nos introduce nos universos ficcionais da auga, sitúase a máxica Fonte da Fala, que deixa de botar auga pola actividade da canteira. A súa seca provoca a morte da nai do Chispas, mantedora dos seus ritos, e a perda do fío de falar entre a veciñanza. No entanto, o ridiculizado rockeiro vese afectado por un tic que o lanza a un éxito potenciado pola nai, quen o anima a non deixar secar a súa fonte interior.

Desde unha escenografía estrafalaria, na que intervén o famoso presentador do Luar, o Chispas accede a Mutandi, que está habitado polos inmortais cracks. Neste contexto de felicidade perenne e altamente tecnificado, o tempo mídese por modas e o músico de Estralampo é o aclamado ídolo actual. A pesar de acadar todo aquilo do que fora privado na Terra, ten morriña do seu país de chuvia e da súa imperfecta realidade.

A moda humana esgótase, polo que se intensifica a aventura para salvar este músico tan auténtico, que evidencia a estupidez das modas e apela á necesidade de protexer a riqueza natural e cultural. Este río de ideas flúe paseniñamente por debaixo do dinámico texto de O Chispas, que se constrúe mediante a mestura de referentes dispares e o enredo de palabras. Ninguén deixará de rir nin de sentir simpatía por este músico cósmico, ao que Sonia García lle deu forma nunha proposta ilustrativa harmoniosa.

magrelo@uvigo.es

30 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito