Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A biografía de Perfecto Feijoo xa no ‘Álbum de Galicia’

Santiago. Perfecto Feijoo (Pontevedra, 1858 – 1935) foi moito máis que o boticario da Peregrina. Foi tamén o Gaiteiro do Lérez, un apaixoado da música tradicional que fundou Aires d’a Terra o primeiro gran coro galego que sentou unha forma de entender e vivir a música do país. Francisco Javier Garbayo Montabes asina a nova entrada do Álbum de Galicia.

Emilia Pardo Bazán, Isidoro Millán, Prudencio Landín Miguel de Unamuno. Xosé Filgueira Valverde ou Fernando López-Acuña foron algunhas das moitas personalidades que nalgún momento teñen destacado o inxente labor desenvolvido por Perfecto Feijoo. Naceu e morreu en Pontevedra, cidade na que fundou o primeiro dos coros galegos, Aires d’a Terra, preocupado pola recuperación do repertorio da música patrimonial, que xa empezaba naquel entón a ser ameazada polo retroceso da vida rural. A música foi unha das súas grandes paixóns, pero profesionalmente era boticario. Foi na súa botica onde estableceu un dos faladoiros máis célebres da España do seu momento, que competía coas que alí se celebraban arredor das figuras de Casto Sampedro e Jesús Muruais. Era un paso obrigado de artistas, intelectuais, políticos, aristócratas e outros personaxes significados nas visitas que realizaban aos balnearios e vilas galegas.

A botica de Feijoo estaba presidida pola figura do loro Ravachol, testemuña non sempre muda dos importantes asuntos que alí se xestaban. Cando o loro morreu, Feijoo e as súas amizades preparáronlle un fastoso enterro e Ravachol acabou incorporándose ao rico imaxinario colectivo pontevedrés, ata seguir presente a súa figura e o seu recordo na cidade por medio do Enterro de Ravachol que substitúe cada ano ao tradicional Enterro da sardiña que pecha o entroido.

Foi neste faladoiro onde Feijoo foi acariñando a idea de crear un coro típico galego, composto por entusiastas profesionais das máis diversas disciplinas, coa intención de rescatar do esquecemento o rico folclore do pobo galego que el tanto amaba. Aires d´a Terra presentouse oficialmente en Madrid durante o entroido de 1901. Na cabeza de Feijoo, que percorrera moitas romarías e festas de novo, gardábanse melodías de diferentes xénero que, coa instrución musical que recibira co director da banda do orfanato pontevedrés e aprendera a tocar a gaita con Manuel Villanueva, gaiteiro de Poio, pronto comezou a darlle forma a un importante arquivo musical e documental que hoxe custodia o Museo de Pontevedra. Recuperou coidadas coreografías e promoveu diferentes viaxes nas que destacou unha importante xira pola Arxentina entre agosto e setembro de 1914.

A iniciativa do empresario Pedro Ferrer, editor de Portfolio Galicia, en 1904 a Compagnie Française du Gramophone trasladou de París á Coruña un estudio móbil de gravación co obxecto de rexistrar diversas pezas interpretadas por Feijoo e o seu coro, recollidas e dezaoito discos que constitúen, ademais, as primeiras gravacións de música tradicional galega que se conservan.

Na súa entrada do álbum incorpóranse tamén unha serie de materiais como a transcrición de “O ideario de Perfecto Feijoo”, un texto autógrafo que se conserva no Museo de Pontevedra, ou unha colección de oito audios da formación que atesoura o Arquivo Sonoro de Galicia.

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. ecg

06 oct 2021 / 19:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.