Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático coproducen nove obras no ciclo ‘Clásicas desfeitas’

Unha trintena de artistas ofrecen novas versión de ‘Frankestein’ de Mary Shelley, de ‘Orlando’ de Virginia Woolf ou do ‘Mito de Sísifo’ de Albert Camus

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego (CDG) amosan ao público este mes de marzo os proxectos artísticos Clásicas desfeitas, coproducidos por ambas institucións da Xunta de Galicia no marco do programa das Residencias artísticas do Gaiás (REGA) 2021 impulsado polo Goberno autonómico. Nestas estadías creativas unha trintena de artistas traballaron con nove textos clásicos para reinterpretalos e ofrecer unhas anovadoras versións.

O resultado do primeiro proxecto darase a coñecer esta fin de semana. Deste xeito, o sábado 13 e o domingo 14 de marzo a compañía Nononon Lab representará ás 12.00 horas nas Torres Hejduk o Volume I de Clásicas desfeitas, no que adaptará textos de Prometeo encadeado de Esquilo, A tráxica historia do Doutor Fausto de Marlowe e o Frankenstein de Mary Shelley. Para as dúas sesións as entradas xa están á venda en ataquilla.com.

A compañía galega -formada por José Faro, Xacobo Castro, Lucía Estévez, Laura Iturralde e Montse Piñeiro- escolle estes tres personaxes pertencentes ao imaxinario colectivo e histórico coa intención de configurar un retrato da humanidade moderna. A partir destes textos clásicos confórmase un cadáver exquisito, multifacético e atemporal, que guía o público arredor dun espazo común, permitíndolle desta maneira verse reflectido. A premisa desta obra é a experimentación, polo que se pretende activar un espazo de reflexión e de diálogo.

REINTERPRETACIÓN. O domingo 21 de marzo, o coñecido pianista e compositor Pablo Seoane dirixirá o Volume II, que baixo o título de Phármakon aglutinará relatos de Antígona de Sófocles e de Medea e As Bacantes de Eurípides. Nesta versión colectiva, que se representará no Salón de Convencións do edificio CINC, participan María José Pámpano, á viola; e Benxamín Otero, no corno inglés e no óboe. A interpretación está a cargo de Raquel Fernández e de Artús Rei e a escenografía lévaa Laura Iturralde.

Phármakon indaga na relación entre o chibo expiatorio (significado primeiro do termo que dá título á obra) e a comunidade. Tamén se afonda nela sobre os inestables límites da identidade persoal e a clásica iconografía na que adoitan manifestarse esas relacións. Aínda que non se fai uso da palabra falada ou escrita en escena, o espectáculo estará acompañado dun texto introdutorio, autoría de Pablo Seoane.

O domingo 28 de marzo representarase a última das pezas de Clásicas desfeitas. Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago están ao fronte do Volume III, baseado en fragmentos de Orlando de Virginia Woolf (1928), A consagración da primavera de Igor Stravinski (1913) e o Mito de Sísifo de Albert Camus (1942).

As entradas para asistir á representación o 21 e 28 de marzo dos volumes I e II de Clásicas desfeitas, respectivamente, poranse á venda a principios da mesma semana das funcións, que terán lugar ás 12.00 horas

O número de asistentes para as tres pezas de Clásicas desfeitas está limitado a cumprir as medidas de seguridade sanitaria que esixe a situación da covid-19, polo que a capacidade dispoñible para público será reducida nos tres espazos: Torres Hejduk, Museo Centro Gaiás e Salón de Convencións do CINC. ECG

11 mar 2021 / 12:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.