Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A cotiandade poética das faces da choiva

Kristina Sabaite (Lituania, 1979) preséntanos o seu primeiro álbum ilustrado como autora integral, intitulado As caras da miña choiva. Vén de ver a luz na colección Álbumes, do selo olívico Editorial Galaxia. O fermoso traballo da autora dá conta da súa habilidosa capacidade ilustradora e da súa sensible percepción poética da cotiandade.

A protagonista deste entrañable volume, unha cativa ataviada co seu chuvasqueiro amarelo, comparte co pequeno lectorado o seu caderno da choiva. Neste, alentada pola súa avoa, recolle os diferentes tipos de precipitacións que coñece para non se esquecer dos seus nomes. Alén disto, amosa as caras, as facianas ocultas, dos diferentes tipos de choiva, aquelas que só poden chegar a contemplarse se se observan co preciso detemento.

Nesta colección das caras da choiva están descritas e ilustradas a babuxa, representada coma unha tímida face con sombreiro, de carácter tranquilo; a cebra, personificada coma un alongado animal que se move veloz co vento polo ceo; a arroiada, co seu enfadoso carácter; a escarabana, coma unha xélida mais cacarela rapaza á que lle encanta o xeado; a mera, coma unha lentixenta nena con lentes empanadas; o trebón, coma un home bigotudo con zapatos xigantes e instrumentos musicais; e a xistra, albuxínea, quen lle recorda a todos o gozosamente que se está ao quentiño. Non é quen de escoller unha forma favorita nesta colección, todas as caras da choiva a fan sentir afortunada e lle brindan a oportunidade de deterse e desfrutar da contemplación.

O volume de Kristina Sabaite achéganos un novo xeito de observar e percibir pequenos detalles cotiáns, coma os mesmos fenómenos meteorolóxicos. Alberga o tesouro da observación curiosa, esperta, contemplativa e reflexiva, aquela que permite gozar da sensibilidade propia e allea para recrearse nela.

inesmosquerac@gmail.com

13 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.