Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A cultura galega está de loito pola perda de Darío Xohán Cabana, escritor e tradutor

O académico publicou máis de corenta títulos de diversos xéneros e para tódolos públicos e amorea diferentes galardóns

O escritor e tradutor Darío Xohán Cabana, nado en Roás (Cospeito) no 1952, faleceu a noite do martes aos 69 anos de idade. Ao longo de máis de medio século de vida, cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto como ao máis novo, entre os que salientan obras como Galván en Saor, un dos grandes éxitos da literatura galega das últimas décadas; poemarios como Patria do mar ou Canta de cerca a morte e as traducións ao galego dos grandes clásicos de literatura italiana, Dante e Petrarca.

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega da que era membro Darío Xohán Cabana, sinalou del onte que “era un clásico vivo. Aquelas persoas que aman a literatura, que aman a poesía e a lingua galega saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra, da súa capacidade de comunicación e de evocación”.

Tamén a secretaria da Academia e compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, dixo onte: “Darío é o meu irmao de xeración, tivemos a sombra protectora de Manuel María. Lembro sempre aquelas primeiras reunións en Lugo con Fiz Vergara Vilariño e o Mago Antón. É alguén que a min me influíu en moitos aspectos, e tamén ao lelo”.

Darío Xohán Cabana publicou en 1970 o seu primeiro poemario, Home e terra. Sempre tivo presentes as súas raíces, fillo de labregos republicanos, militou na esquerda nacionalista na clandestinidade dende moi novo e tanto o seu pensamento político como o súa terra, deixaron unha pegada interesante na súa obra.

O contido social e as vivencias máis persoais conviven no legado poético do autor, que na forma sempre destacou polo seu gusto polos versos clásicos, dende os máis populares de Romanceiro da Terra Chá aos sonetos de Patria do mar. Con este último libro acadaría, en 1983, o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, que volveu recoller en 1986 con Amor e tempo liso. Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros dos galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras, Canta de cerca a morte (1994). No ano 2006 publicou Cabalgada na brétema, a súa última obra de poesía editada.

premio xerais. Dende finais dos anos 80 cultivou a narrativa, eido no que tamén mereceu distintos galardóns. En 1989 publicou unha novela galega das máis vendidas, Galván en Saor, unha homenaxe á literatura artúrica na que conflúen o mundo real contemporáneo e un pasado mitolóxico de Galicia, obra merecedora do Premio Xerais.

Darío Xohán Cabana entrou na Real Academia Galega lendo a seu discurso, De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, o 22 de abril do ano 2006.

18 nov 2021 / 01:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.