Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Deputación da Coruña recoñece a labor dos profesionais do eido social

Aspace, Nuestra Señora de Chamorro e Utaca reciben o I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da institución // Formoso destaca o seu gran aporte á sociedade

A Deputación da Coruña celebrou este venres en Expocoruña o seu I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, que se estrea recoñecendo o traballo e a labor que realizan neste eido tres entidades: Aspace, Nuestra Señora de Chamorro e Utaca.

O acto, no que estiveron presentes centos de profesionais do eido sociosanitario da provincia, serviu para poñer en valor a función e o servizo que dan á cidadanía estas tres entidades premiadas, que rondan ou superan os 50 anos de experiencia.

O presidente da Deputación, que agarda que “estes premios se convertan nunha referencia nos vindeiros anos” agradeceu o “compromiso permanente coa inclusión social e laboral” que amosan Aspace, Nuestra Señora de Chamorro e Utaca e os seus traballadores e traballadoras capaces de “ofrecer novas oportunidades e mellorar a vida de persoas en situacións especialmente vulnerables e das súas familias”.

Un recoñecemento que fixo extensible a todas as traballadoras e traballadores das entidades sociais da provincia que “contribúen a construír unha sociedade mellor, facilitando a autonomía, o desenvolvemento e a igualdade de oportunidades das persoas e mellorando a calidade de vida de moitas familias a través de diferentes proxectos e servizos nos que é un orgullo poder colaborar desde a Deputación da Coruña”, destacou.

No seu discurso, Formoso salientou a transformación “dunha institución bicentenaria como a Deputación, que durante anos se caracterizaba case exclusivamente por dar apoio ás obras nos concellos, nun actor protagonista para o tecido social da provincia.

A maior aposta social da historia da Deputación. “Apostamos por facer do ámbito social un dos noso eixos fundamentais de actuación”, afirmou, alegando que este compromiso “non só se plasma en palabras, senón en feitos” e aludindo a que “nos dous últimos anos fixemos a maior aposta social da historia da Deputación, incrementando a partida orzamentaria destinada a esta área nun 137 por ciento”. “Isto permitiunos, por exemplo, apoiar a actividade de 216 entidades sociais da provincia, contratar a 177 profesionais dos servizos sociais nos concellos, reforzar o noso apoio á Rede de Casas de Acollida, financiar 386.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, destinar 21 millóns de euros para o Plan Único Social, incrementar o servizo de Teleasistencia ou crear o noso primeiro Plan de Acción de Servizos Sociais”, indicou.

“Porque se as políticas de emprego e reactivación económica da Deputación as facemos coa cabeza, as políticas sociais facémolas co corazón. Co mesmo compromiso e o mesmo nivel de implicación pero tamén poñendo o mellor que levamos dentro e sendo conscientes de que non só hai que impulsar a reactivación económica senón que é imprescindible que esta sexa xusta, que protexa aos máis vulnerables e que non deixe a ninguén atrás”, afirmou Formoso.

Por último, o presidente lembrou que “son moitas as melloras que acadamos nestes últimos anos en materia social, pero son moitas máis as que nos quedan por conquistar” e subliñou que “o noso deber, xa non só como administración pública, senón como sociedade, é remar nunha mesma dirección sen esquecernos de ninguén”. “Isto sería certamente imposible sen vós, moitas grazas”, confesou dirixíndose ás tres entidades premiadas.

ASPACE. A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (AspaceCoruña), é unha asociación sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública que foi creada por un grupo de nais e pais que decidiron unirse ante a inexistencia de recursos públicos ou privados para os seus fillos/as. Ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas, ofrecéndolles todos os apoios que necesiten para que poidan ter unha vida o máis plena e feliz posible. Ven de recibir unha axuda da Deputación para o seu proxecto ‘Talentos inclusivos’, unha iniciativa a través da que as persoas con parálise cerebral plantexan as súas dificultades de accesibilidade e comunicación a estudiantes de secundaria para que podan deseñar, coas súas aportacións e validacións, solucións tecnolóxicas que lles faciliten a súa autonomía e participación no día a día.

A Asociación Nuestra Señora de Chamorro é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, fundada por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Pcdid), como resposta á carencia de Centros de Atención Específica para este colectivo na comarca de Ferrolterra. Divídese en tres centros: Centro de Día, Centro Ocupacional e Centro de Educación Especial. Os tres teñen como finalidade atender a Pcdid e as súas familias, contribuíndo á mellora do seu desenvolvemento social, persoal e laboral.

UTACA. Por último, a Unidade de Tratamento do Alcohol e Conductas Adictivas (Utaca), integrada funcionalmente no Sergas, é unidade de referencia para a atención a persoas con problemas derivados das adiccións legais na área sanitaria da Coruña. A través do seu equipo de profesionais socio-sanitarios/as, cunha ampla experiencia en adiccións, ofrecen unha intervención biopsicosocial, integral, comprometida e honesta sobre as problemáticas asociadas ás drogas legais e ás conductas adictivas sen substancia.

Medio século de axuda

··· Medio século ao servizo da sociedade coruñesa. Tanto Aspace, fundada no ano 1977- única entidade especializada en parálise cerebral da provincia. , como Nuestra Señora de Chamorro, que foi fundada en 196 por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, e UTACA, integrada no sergas, que ten a súa orixe en 1970, contan cunha traxectoria ás súas costas de medio século ao servizo dos coruñeses e as coruñesas, cada unha en distintas ramas do eido social

09 abr 2022 / 00:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.