Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A escritora Alba Rozas e a tradición mitolóxica e musical galega

É sempre unha satisfacción ler obras que enriquecen a Literatura Infantil e Xuvenil, e non só. A caída de Guiomar é a terceira novela da Editorial Contos Extraños na colección “A miña primeira novela...”, froito dun proxecto micromecenado.

Nela, a filóloga e escritora Alba Rozas (Lalín, 1988) xoga con elementos fantásticos, característicos das narracións épicas: fazañas dunha heroína, tema bélico, elementos sobrenaturais e legado histórico e cultural, neste caso galego. Lembra así os seres diminutos que viven baixo terra en castros e mámoas, as fiañas e a súa relación cos cabalos, a anciá Orcavella, as Xans e as Luciñas, os Olláparos, os Tardos, as Nubeiras, as Lamias, os Mouros..... un conxunto de seres e lendas da mitoloxía galega, ao que une outros elementos míticos, como os instrumentos musicais: tambor, pandeireta, gaita, bombo, cualificados por unha man experta no seu uso e representados en imaxes por Iago Torres París.

Con estas ferramentas cóntase, en catorce breves capítulos titulados e un epílogo, a historia épica de Aima desde o momento en que, nun mes tan simbólico como é o de xaneiro, se encamiña cos pais músicos ambulantes cara ao palacio de Guiomar, quen agasallara o seu clan, por unhas regueifas, cunhas bolas de resina que gardaban a luz do sol. Os momentos tormentosos que viviu coa aparición dun cabalo monstruoso son o arrinque da súa aventura épica na que é axudada, fundamentalmente, pola guerreira Tegra e tamén polos seres fantásticos e a rapazada que habitan nas catro parroquias que compoñen o Reino de Eabaca: a Chaira das Xans, as Furnas dos Tardos, o Castrelo das Nubeiras e o Souto dos Mouros, terras que viviron en paz e prosperidade ata a chegada de seres malignos, como o Cabalo e a Orcavella. Esta veciñanza, guiada pola astucia e valentía de Aima e Tegra, consegue recuperar a liberdade e felicidade do reino.

Aínda que a novela se nutre de seres fantásticos e fazañas épicas non faltan nela datos autobiográficos, pois é a pandeireteira quen abandeira a loita contra os asoballadores do reino de Guiomar, ben mapeado xa desde o inicio, e quen consegue a reconquista, que se consegue, en parte coa música tradicional e se celebra con aturuxos a golpe de bombo e pandeiro, definidos nas páxinas ilustradas cun código QR e un texto acaído e moi simbólico. Artificio que se usa para cualificar outros seres e instrumentos que aparecen na narración. Alba Rozas dá conta de gran parte do imaxinario galego.

blanca.roig@usc.es

11 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito