Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Estratexia Galicia Dixital 2030 terá o maior investimento no sector

Destinaranse máis de catro mil millóns de euros á transformación tecnolóxica, dixo Pereira

Santiago. A posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030 implicará uns investimentos públicos de 2.450 millóns de euros, e mobilizará outros 1.600 millóns de procedencia privada. Estes máis de 4.000 millóns de euros suporán o maior investimento en transformación dixital da historia desta comunidade, destacou en Madrid a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.

Participou na mesa redonda A xestión óptima dos fondos; perspectiva rexional, que se desenvolveu no marco do Digital Enterprise Show, que se celebra en Ifema.

Xunto coa directora da Amtega participaron na mesa de debate a conselleira delegada da Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid, Elena Liria Fernández, e o director xeral de Telecomunicacións e Dixitalización do Goberno de Navarra, Guzmán Garmendia Pérez.

A mesa estivo moderada polo director de ventas ao sector público de T-Systems, Marius González.

A directora da Amtega destacou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 establece un marco xeral que permitirá optimizar os diferentes mecanismos de financiamento europeo, así como ferramentas de cooperación, tanto co Goberno de España como coas entidades locais.

A planificación galega está aliñada co marco europeo reflectido nas “prioridades dixitais 19-24” e no Digital Compass 2030, así como coa Estratexia España Dixital 2025.

Galicia Dixital 2030 concentra as actuacións en sete eixos: Goberno e administración intelixentes; sociedade dixital e inclusiva; entorno dixital para a saúde e o benestar social; territorio verde, intelixente e resiliente; conectividade dixital no territorio; cultura e turismo intelixentes e economía dixital e sostible.

Desenvolve un eixo que impulsará a especialización tecnolóxica e centrarase en reforzar as capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas, con foco na intelixencia artifical, a ciberseguridade e a conectividade de altas prestacións.

Iniciativas para os fondos de recuperación. Para o logro dos obxectivos, Galicia empregará e optimizará fondos propios e procedentes dos diferentes instrumentos de financiación da UE. No caso dos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a Amtega desenvolveu nos últimos meses iniciativas para aproveitar ao máximo esta financiación para a transición dixital.

Neste sentido, presentou proxectos ás manifestacións de interese para os fondos comunitarios relacionadas co despregamento de banda larga no rural, a dixitalización das pemes, a adopción da intelixencia artificial, o reforzo da ciberseguridade ou a xestión intelixente do territorio.

Tamén presentou proxectos concretos e trasladou as prioridades da comunidade ao Ministerio de Economía e transformación dixital.

Ao mesmo tempo, a Amtega está a definir coas consellerías os plans de dixitalización que poidan optar á financiación a través das distintas conferencias sectoriais.

O Digital Enterprise Show DES2021 é unha das principais citas mundiais para o intercambio de experiencias e coñecementos sobre a transformación dixital no ámbito das empresas.

Nesta edición, que se celebra en Madrid ata o xoves, participan máis de trescentos expertos internacionais.

Pese as medidas que é necesario adoptar pola pandemia, a organización agarda a visita de miles de persoas.

DES2021 é tamén un espazo que pon en contacto ás empresas máis innovadoras e a provedores de solucións baseadas nas tecnoloxías disruptivas, como pode ser o caso da Intelixencia Artificial, o Internet das Cousas,a tecnoloxía de nube ou a ciberseguridade; e concentra a diferentes executivos especializados en Industria 4.0, marketing dixital ou compras. redacción

18 may 2021 / 18:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.