Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Fundación Luis Seoane presenta a exposición ‘Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso’

A Fundación Luis Seoane acolleu este martes a presentación da exposición Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso, a maior retrospectiva realizada ata hoxe sobre a obra dun dos deseñadores gráficos máis orixinais e influintes do século XX. Nacido na localidade coruñesa de Vilaboa en 1936, Victor Moscoso trasládase aos Estados Unidos xunto cos seus pais á idade de 5 anos, onde levará a cabo os seus estudos e desenvolverá toda a súa carreira profesional, marcada pola célebre serie de carteis de rock psicodélico realizados polo autor durante os anos 1966 e 1967 e a súa participación na revista underground Zap Comix xunto con artistas da talla de Robert Crumb e Rick Griffin, entre outros. Ademais destes traballos, a mostra inclúe carteis, cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas que completan un percorrido marcado por imaxes icónicas da segunda metade do século XX.

Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, comezou a súa intervención lembrando o labor de documentación e investigación realizado polo comisario da mostra, David Carballal “un traballo levado a cabo durante máis de cinco anos, que a partir de agora quedará recompilado nunha publicación que conta coa participación de Steven Heller, director artístco do New York Times, que constitúe o maior compendio realizado sobre o traballo do creador galego”. O proxecto, que contou co apoio incondicional do Concello da Coruña, propietario da maior colección de obra de Victor Moscoso en Europa, é tamén “unha homenaxe a aquelas persoas que, ao igual que o propio Moscoso ou Luis Seoane, desenvolveron a súa actividade artística fóra das nosas fronteiras.”

O comisario da mostra, David Carballal, explicou que a exposición “é o primeiro percorrido global realizado ata o momento da traxectoria do deseñador galego”, que ademais da devandita serie dos carteis psicodélicos, inclúe outras obras realizadas “fóra do ámbito da música, animacións e mesmo un anuncio “para unha célebre marca de roupa norteamericana.

Victor Moscoso interviño para lembrar brevemente como comezou a interesarse polo que estaban a facer os movementos contraculturais na escena de San Francisco durante os anos sesenta. “Estudiei a técnica tradicional e os principios do deseño con Josef Albers, e máis tarde tiven que revertir todo o que tiña aprendido, fixándome no que estaban a facer outros artistas naquel momento. Logo, de súpeto, descubrín que á xente gustábanlle os meus carteis, que os mercaban”. O artista confesou estar “moi feliz” pola celebración da mostra, e sobre o seu traballo, e que todo o que tiña que dicir sobre él “está nesta exposición”.

Inés Rey, alcaldesa do Concello da Coruña e presidenta do padroado da Fundación Luis Seoane, pechou o acto de presentación destacando que a exposición “volve poñer de manifesto o interese do Concello da Coruña e da Fundación Luis Seoane á hora de recuperar e actualizar o legado de artistas galegos inscritos nas vangardas artísticas, como Victor Moscoso e Luis Seoane, que tamén son reflexo da arte popular, unha característica que axuda a que se acheguen a proxectos como este persoas que nun principio non están interesadas na arte”. O Concello da Coruña “aposta desta maneira clara e firme pola difusión da riqueza cultural da nosa cidade, que se espallou a nivel internacional a través da historia viaxeira dos seus protagonistas”.

Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso, que estará aberta ao público ata o o vindeiro mes de outubro, está producida pola Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña, e coproducida polo MUSAC de León e o Centro Niemeyer de Avilés, aos que itinerará posteriormente. A mostra conta coa colaboración de Acción Cultural Española (AC/E) e Gadis.

14 abr 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.