Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A ‘Galicia infinda’ de Delgado Gurriarán rexorde no Concerto das Letras do CCG

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no acto de recoñecemento ao seu fillo

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no serán deste luns para homenaxear con música a un dos seus fillos pródigos: Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903-Fair Oaks, USA, 1987). A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, antesala festiva do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega, repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria dos exiliados que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México.

O concerto supuxo a estrea da peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e unha ampla representación dos concellos da comarca, entre eles, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez; mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado asistiron a este concerto que se emitirá na TVG este martes, dentro da programación especial das letras galegas.

“O legado de Florencio Delgado Gurriarán deita luz sobre un exilio non demasiado coñecido, o mexicano, no que se escribiu un capítulo non menor da historia europea” apuntou Dolores Vilavedra, membro do CCG, na presentación do concerto que xuntou no Barco unha nutrida representación da cultura e sociedade da comarca.

“No seu día, México deu ao mundo unha lección de afouteza ética e política ao acoller unha parte significativa do exilio republicano e galeguista cando outros países miraban para outro lado. Décadas despois, a vida e a obra de Florencio despréganse ante nós, cidadáns e cidadás dunha Europa privilexiada, como unha radical interpelación, no artístico e no moral, como o recordo inapelable de que segue a haber valores que é preciso defender e que todas e cada unha das conquistas da nosa civilización son perecedoiras se non poñemos a nosa intelixencia e o noso corazón ao seu servizo incondicional e ao de calquera ser humano que, como Delgado Gurriarán no seu día, se vexa obrigado a deixar a súa terra” engadiu ao respecto.

O grupo Zoar foi o encargado deste Concerto das Letras Galegas, para o que deseñou un programa centrado na figura de Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano. Comezou con Zarabanda, de Adolfo Salazar (1890-1958), Seis pezas pra canto e piano, de Jesús Bal y Gay (1905-1993), sobre textos de Amado Carballo, e Muiñeira das vellas, de Rodolfo Halffter (1900-1987). Tres músicos, dous mexicanos e un galego, que se coñeceron en Madrid e se reencontraron en México, onde seguiron colaborando, sobre todo na creación da revista Nuestra Música.

Completouse con pezas como Aureana do Sil, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou o ourensán Antonio Fernández-Cid.

Obra de Carme Rodríguez

···O punto álxido foi a estrea absoluta de ‘Diásporas’, peza composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), que partiu de catro textos do homenaxeado, ‘Xacarandá’, ‘Volta’, ‘Enamórame o feitizo do tesouro’ e un extracto de ‘Galicia infinda’, para envolver ao público con ese soño do que falaba Florencio. Unha proposta contemporánea, na voz da soprano moldava Clara Jelihovschi Panas. Uns rolos de papel descolgados desde o teito, deseñados por Ana Inés Jabares-Pita, as luces de Octavio Mas Ibáñez e as proxeccións de videoarte de Masako Hattori crearon unha atmosfera envolvente e suxestiva. O Concerto das Letras Galegas rematou, como vén sendo habitual, co público en pé cantando o himno galego. O Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2010 este concerto institucional que constitúe a antesala festiva do día grande das letras galegas. É unha das actividades centrais que a entidade prepara cada ano en relación coa persoa homenaxeada nas Letras Galegas.

Galardoado o colexio Virxe do Camiño de Rubiá no concurso do 17M
O seu traballo gañador destaca tanto pola súa orixinalidade como pola súa calidade estética

Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregou este luns no colexio CEIP Plurilingüe de Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense) o premio ao traballo gañador do Concurso Exposición Letras Galegas 2022 na modalidade de ensinanza infantil e primaria.

Felicitou o centro gañador polo seu coidado traballo, “unha obra colectiva que implicou tanto ao profesorado como ao alumnado”.

“Este espírito de colaboración e de unidade, que é o espírito das Letras Galegas, permite que un centro educativo do medio rural coma este poida facer un traballo tan grande e tan interesante, que serve para difundir tamén nos restantes centros de Galicia o exemplo de Florencio Delgado Gurriarán”, apuntou Valentín García, quen ademais fixo mención ao importante labor que realizan por toda a comunidade os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos.

Xunto ao representante autonómico interviñeron a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández Novoa; o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez Núñez; a directora do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, Andrea Tato, e o representante da familia Gurriarán, Ricardo Gurriarán.

Neste acto, fíxoselle entrega do cheque co premio ao coordinador do proxecto, Felipe Ulloa González, e do diploma acreditativo a Andrea Tato.

O alumnado recreou A muiñada da obra Bebedeira de Delgado Gurriarán.

O traballo gañador na categoría de Infantil e Primaria, Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, destacou cun harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das técnicas e materiais usados na súa elaboración.

Os carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes tarefas de gamificación e outras que van destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como orixinais vídeos de animación, na procura de difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo.

Seguidamente, Valentín García desprazouse ao IES Cosme López da Rúa para presentar a exposición correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario. ecg

16 may 2022 / 23:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.