Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘A Invasión da G’ tratará de descubrir ós enmascarados

O programa de TVG tentará descifrar as persoas que foron aparecendo nos distintos programas da canle con disfraces

Na noite de Reis, a Televisión de Galicia ofrece o programa especial A Invasión da G, presentado por Arturo Fernández e en que diferentes personaxes da identidade galega invadirán a TVG nunha noite máxica para cantar. Unha serie de enmascarados foron aparecendo pola grella durante estas últimas semanas sen que ninguén soubese quen son, nin en Quen Anda Aí, nin no Malicia Noticias, nin en Hora Galega, nin en Luar, etc.

O Percebe que me quere, a Superpolbeira, o Oso máis fermoso... Son algúns destes personaxes, pero quen está detrás deles? Quen canta? Poden ser cantantes, actores, comunicadores, políticos... Para descubrilo, A Invasión da G contará coa axuda de distintas caras coñecidas da TVG, que exercerán de investigadores.

Deste xeito, o formato conta con oito personaxes cuxa identidade se descoñece. Cada un deles cantará un tema cunha das formacións máis coñecidas de Galicia: a orquestra Los Satélites. Haberá 16 detectives que irán pasando de dous en dous para intentar adiviñar cada parella un personaxe. Hai que destacar que o coñecerán ben porque previamente invadiu o seu programa.

Serán quen de adiviñar quen canta? Para descubrilo, cada personaxe dará pistas da súa personalidade. Algúns acertarán e outros fallarán. Desde a casa, os espectadores tamén poderán xogar para combater esta Invasión da G.

Cabalgata de Reis. Os espectadores da Televisión de Galicia poderán seguir esta tarde a chegada dos Reis Magos ás diferentes cidades galegas. Os Servizos Informativos da canle pública realizarán un especial que conectará, en directo, cos desfiles de Vigo, A Coruña, Lugo, Pontevedra e Viveiro. Ademais, retransmitirán a cabalgata de Santiago de Compostela, onde desfilará o autobús da G2, cos personaxes de Xabarín Club e Os Bolechas.

Na antesala da noite máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas, os xornalistas Sevi Martínez e Esther Estévez presentarán o especial Cabalgata de Reis desde as 18.00 horas. Este ano, contarán ademais cun colaborador de excepción, Digochiño, a nova mascota do espazo #DígochoEu, a través do que os medios públicos galegos achegan a lingua propia á súa audiencia. Esther Estévez e o raposo azul comentarán a xornada desde o escenario do programa, onde se atopa a ‘casa de Esther’, mentres Sevi Martínez recollerá o mellor da tarde desde o estudio 150 de San Marcos.

Ao longo do espazo, a cativada poderá gozar, ademais, coa actuación musical de Noa Antepazo, acompañada do seu pai, Juan Antonio Antepazo, e do seu avó, Arturo Sabugueiro. Interpretarán a canción Vivamos xuntos o Nadal, gañadora do concurso musical ‘Este Nadal canta con nós’, da CRTVG. A familia Antepazo protagoniza o vídeo musical que durante estas festas os espectadores da Televisión de Galicia puideron ver a diario. Así mesmo, os nenos e nenas galegos gozarán dos trucos do mago Iago. Con tan só 9 anos, o monfortino Iago Fernández é xa un habitual dos escenarios, tras participar no concurso Got Talent España.

O especial da TVG tamén sondará nas rúas das distintas cidades as impresións dos rapaces e rapazas galegos, os grandes protagonistas da xornada, así como as dos magos de Oriente á súa chegada ás cidades galegas.

Doutra banda, a CRTVG participará na cabalgata de Reis da cidade de Santiago de Compostela. Entre as carrozas do evento, estará o autobús vermello da G2.

05 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.