Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A lingua tamén precisa de representación feminina

    A lingua tamén precisa de representación feminina

    A historia das mulleres na Real Academia Galega non é allea á realidade que nos rodea, pero se hoxe en día se pode ter un debate sobre se a representación feminina é suficiente nesta institución histórica, é grazas ás que loitaron por ocupar unha cadeira no seu pleno. É o caso de Olga Gallego Domínguez, a primeira muller en ser aceptada na RAG non hai tantos anos, no 1986.

    Esta arquiveira, docente e investigadora ourensá foi, asemade, membro correspondente da Real Academia da Historia, e recibiu numerosos galardóns que corroboran a súa importante pegada na preservación do noso patrimonio arquivístico e documental, entre eles a Medalla de Plata de Galicia, a Medalla Castelao ou o o Lazo da Orde de Afonso X O Sabio.

    Hoxe, a fundación que leva o seu nome continúa coa súa labor de difusión e protección do patrimonio arquivístico mediante actividades de formación, cunha fonda perspectiva feminista.

    A lingua tamén precisa de representación feminina

    Dez anos despois entraba na RAG a segunda muller académica numeraria da súa historia, Luz Pozo Garza, que xa fora nomeada no 1950 membro correspondente da institución galega. Natural de Ribadeo, está considerada unha das autoras máis destacadas da nosa comunidade do século pasado, e foi definida pola Academia, logo da súa morte, como unha “voz esencial das letras galegas”. Foi, neste senso, unha parte imprescindible da Promoción do Enlace, esa xeración de escritores galegos que estaba a medio camiño entre a Xeración de 1936 e a Xeración das Festas Minervais.

    En 2007, a Asociación de Escritores en Lingua Galega propúxoa para recibir o Nobel de literatura, e ao longo da súa vida recibiu máis dunha decena de galardóns tanto polas súa traxectoria literaria como polo seu rol na dinamización da cultura galega e na posta en valor da presencia feminina en espazos culturais e artísticos da comunidade.

    A lingua tamén precisa de representación feminina

    Coa entrada do novo século comeza a ser máis común o ingreso de mulleres no pleno da Real Academia Galega. A seguinte foi a autora Xohana Torres, nomeada no ano 2002. Como poetisa, Torres foi unha parte indiscutible da Xeración das Festas Minervais, contribuíndo á normalización da lingua galega durante o franquismo e toda a súa vida, e tamén se debate na actualidade se forma parte ou non da Nova Narrativa galega coa súa obra ‘Adiós, María’ (1971). Asemade foi, entre outras cousas, unha das artífices o primeiro programa cultural radiofónico integramente en galego, “Raíz e tempo”, na emisora La Voz de Vigo.

    A súa obra abrangue unha ampla gama de estilos, dende a prosa ao verso, pasando polo teatro, o ensaio e tamén a novela infantil. Logo da súa morte, no ano 2018, a RAG adicoulle un máis que merecido homenaxe a esta autora galega polo Día Mundial da Poesía, poñendo en valor a súa figura e as obras que deixou coma legado ao longo da súa vida.

    A lingua tamén precisa de representación feminina

    A cuarta muller que ingresou na Real Academia Galega como membro numerario fíxoo hai exactamente vinte anos, só un despois que Xohana Torres, no 2003. Trátase de Rosario Álvarez Blanco, que continúa hoxe en día ocupando esta posición. Entre outros fitos, alén de ter sido directora do Instituto da Lingua Galega, esta pontevedresa de nacemento foi, asemade, a primeira muller en dirixir o Consello da Cultura Galega, posto que ocupa dende 2018. Pola súa banda, a súa obra versa arredor de algo tan importante como a investigación sobre a nosa lingua, a súa historia e evolución ao longo dos anos.

    Hoxe, temos que dar as grazas a estas mulleres a todas as persoas que puideron ver o seu potencial alén dos prexuízos, e que pavimentaron o camiño para as que viñeron detrás, como Margarita Ledo, Fina Casadelrey ou Marilar Aleixandre. O debate sobre se a representación feminina na RAG é ou non suficiente hoxe en día segue aberto, pero sen elas non existiría.

    20 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.