Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A marca España en crise

    mediando os anos cincuenta do pasado século, o finado de meu pai suscitou unha lea xornalística con certo galeno dunha coñecida familia da vila, do cal, andando os anos, chegou a ser grandísimo amigo. A cousa foi que meu pai, botándose de intelectual, criticaba nunha columna do diario a sobreabundancia de bares e cafés na Estrada fronte á seca de librarías e bibliotecas. Aludía o columnista ao descoñecemento de iniciativas como a, daquela nacente pero xa puxante, editorial Galaxia ou os títulos da Biblioteca Gallega, en lamentable contraste coa universal erudición popular sobre a liga de fútbol, comparación que, de feito, chegou a ser un lugar común durante o franquismo, réxime ao que a cultura, fronte ao narcotizante efecto do balompé, lle semellaba cousa de rojos. A reacción do médico foi fulminante e, na súa contracolumna, atacou con virulenta crueza a pretendida aristocracia cultural dun snob que semellaba cuspir despectivamente a súa pedantería sobre a crasa ignorancia da xente, como se ler os libros de Galaxia o situase no pedestal da exclusividade fronte á burramia popular. Axiña, a intervención dos representantes das dúas familias fixo que prevalecese o afecto mutuo, o sangue non chegou ao río e os rapaces metidos a efémeros xornalistas enterraron o machado de guerra.

    A evocación desta antiga liorta testemuña que vén de vello o rico patrimonio patrio no que fai a bares e locais de esparexemento, ata o punto de constituír, coas tapas, a tortilla e o xamón de belota, un dos alicerces diso que demos en chamar marca España, un concepto que se intúe máis que se define e que, de cando en vez, provoca serias dúbidas aos nosos visitantes (case 84 millóns de turistas en 2019, aí es ná). Non deixa de ter a súa coña que un xornal emblemático como o New York Times coloque o país na picota afirmando a gran titular que en España preocupan máis as discotecas que a educación. E digo o da coña porque deses 84 millóns de guiris, máis de tres eran ianquis.

    Ora, deixando de lado o tremendista e esaxerado do aserto, non cre vostede que temos gañado a pulso esa percepción? Non é patrimonio xenuinamente español esa abominación social, inimaxinable en calquera sociedade civilizada, denominada botellón? Non é este o paraíso de británicos que, tras poñerse cegos de cubata, se guindan desde os balcóns? Non é a nosa oferta internacional a festa rachada e ata que o corpo aguante? Máis que a Alhambra, o acueduto de Segovia e o Prado, o tirón pristinamente hispánico é a carallada. Daí que a crueldade da pandemia estea batendo de xeito inmisericorde no sector do lecer (máxime o nocturno), unha industria na que somos unha potencia sen rival. E así nos vai.

    05 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.