Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“A min o ser humano interésame dun en un”

Están recentes as eleccións autonómicas con maioría absoluta e caras novas. Considera que será para mellor? En que medida influirá este resultado nas nosas vidas?

Sendo como son partidario do parlamentarismo democrático e dunha quenda alternativa no exercicio da gobernanza coido que a redución das forzas parlamentarias a tres fará máis doada esa alternancia que a min antóllaseme tan hixiénica como necesaria. A presenza nos escanos de máis xente academicamente preparada que en anteriores oportunidades induce a pensar en que ha diminuír o risco desas enfermidades infantís tan pródigas en pasadas lexislaturas. A medida na que todo isto ha influír nas nosas vidas aínda está por ver. Pero o desexo de que esta influencia sexa positiva debe ser compartido non só pola sociedade máis tamén polas forzas políticas que afirman representalas.

Aínda colean os amargos estertores do coronavirus. Que debemos facer?

Tomar en serio as medidas decretadas polas autoridades sanitarias, antes de que eses estertores non se tornen un ventarrón que volva espallalo. Controlar e no seu penalizar comportamentos como o desa equipa de fútbol que viaxou ata a nosa terra como o fixo, con quen o fixo tendo en conta os moitos equivalentes que se dan a cotío entre a poboación visitante, máis tamén en moitos comportamentos indignos da propia.

Practicou o teletraballo? Con que resultados? Considera que chegou para quedar?

Levo trinta anos practicando o teletraballo tanto pra escribir na prensa como destinando á escrita de novelas. Pra unha persoa do meu oficio o teletraballo é imprescindible. O que ignoro é se é desexable pró resto da poboación. Sospeito que non agás se é nunha medida intelixente. Socializar é necesario. Interactuar cos nosos semellantes é imprescindible. O problema é de medida e de proporcións. Si ó teletraballo, pero tamén ó presencial. Os estados de unanimidade coido que só en escasísimas ocasións deparan consecuencias desexables.

Cambiarán moito as súas vacacións? Onde as gozou no pasado e que fará este verán?

Logo de trinta anos escribindo un artigo cotiá neste xornal e agora facéndoo con outros dificilmente se desfruta de vacacións. Lévame salvado o feito de ter viaxado moito (agora só se viaxa algo e cada vez o farei menos) porque aínda sen deixar de escribir e de traballar nesas viaxes o feito de cambiar de actividade e de ver cousas novas implica un descanso mental importante. Na mesma casa descansas cando deixas de escribir e te pos a ler, e viceversa. Tamén se te ocupas na horta... En fin, que o caso é non parar quieto.

Que se pode facer nun mundo tan desigual con millóns de persoas desnutridas, desprazadas, enfermas e sen recursos tras a pandemia do coronavirus?

Se considero ó ser humano na súa totalidade debo confesar a miña misantropía. A min o ser humano interésame dun en un, podendo poñerlle nomes e adxudicarlle afectos. En conxunto somos un cancro que acabará coa natureza e a piques estamos de conseguilo. É a condición humana a que crea esas desigualdades. A única esperanza, cando menos pra min, reside en que a educación e maila cultura nos rediman dela. Pero mentres a política sexa tan relixiosamente expresada como o é e mentres non poucas relixións mono ou politeístas tan ortodoxamente determinadas non contemplen outros principios entendo que as posibles e necesarias accións pra atender ás desigualdades que se sinalan van ter unha realización complicada.

Para quen o seu aplauso nestes meses negros e quen merece, pola contra, o seu rexeitamento?

Dende logo que o aplauso non é para unha oposición política como a española e si, por poñer un exemplo próximo, como a portuguesa, o seu si que foi un exemplo de patriotismo. O meu rexeitamento adxudícollo á manda de inconscientes que desfrutan con comportamentos xenocidas que axudan ó espallamento da pandemia.

O uso das máscaras levanta polémica en certos ámbitos. Parécelle que as medidas adoptadas son as máis convenientes para “salvarnos” do virus?

A primeira vez, hai xa moitos anos, que visitei o Xapón marabilloume o feito de ver xentes enmascaradas polo simple feito de padecer unha catarreira e por respecto ós seus semellantes. Non todas as medidas son boas e só a posta en evidencia da súa incoveniencia pode axudar a palialas. Convén eloxiar as actitude positivas. Fronte a decisión primeira de restar camas nunha uci, cabe o dar marcha atrás e construir cubículos individuais prós casos considerados máis graves. Ese tipo de medidas son as necesarias e hai que aplaudilas coa mesma forza coa mesma intensidade coa que hai que combater ás contrarias. A sociedade ten que ser consciente de que é necesario facer constancia da súa voz. Recórdese ó efecto o paritorio verinense

Teme que as consecuencias económicas poidan variar substancialmente a nosa existencia?

E tanto que si, ou é que xa non o están facendo? Só coa solidariedade internacional, tal e como se está manifestando no ámbito europeo, se poderán paliar as innegables consecuencias económicas causadas polo coronavirus. É necesario que a sociedade sexa consciente do privilexio que implica o feito de vivir en Europa e colabore a mantelo de xeito consciente e decidido.

Cre que, como indica unha enquisa, os mozos de hoxe vivirán peor que seus pais?

Nalgúns aspectos é seguro que si. Nalgúns outros é discutible, aínda considerándoo nese 30% de rapaces pertencentes a familias que abeiran o umbral da pobreza. A sanidade e mailo ensino públicos e universais non indican senón unha substancial mellora que hai que preservar. Hai máis exemplos dun e doutro signo. Vallan estes a xeito de reflexión.

En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudo, relevancia social ou amigos?

A familia e maila profesión que mal que ben permite mantela son indisociables e hai que aprender ou hai que pretender facelas compatibles. O estudo e os amigos, ou viceversa, irían tras dela e a relevancia social é moito menos importante que chegar a fin de mes sen maiores agobios económicos. Ou tal penso eu.

Dentro das súas responsabilidades profesionais, en que proxecto está centrado agora?

En cumprir cos artigos comprometidos, retomar a escrita dunha novela encol do Batallón Literario e, logo de trinta e cinco anos de ter saído á rúa Xa vai o Griffón no vento con todo o que iso significou naquel momento volver facelo nunha edición conmemorativa acompañada dunha unidade didáctica que explique algúns pormenores ó respecto. Confeso que me fai unha enorme ilusión incrementada polo feito de que sexa unha puxante editorial alaricana, Aira das Letras, a que se encargue de facelo.

Algunha persoa tivo influencia en momentos clave da súa vida? Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

Claro que si, pero máis dunha, pois, pra ben e pra mal, momentos clave tiven un feixe deles e sempre houbo alguén que estivera no momento e lugar oportunos pra me dar un consello ou me botar unha man fose no ámbito familiar, no existencial, no laboral, no sanitario, no literario, no profesional...etc, mesmo no político. Eles todos saben da miña gratitude. Tamén os que me botaron esa man ó meu pescozo contan tamén co meu recordo. Respecto de que recibín o millor consello consíntame facer un chistiño e responderlle que o millor consello que me deron foi o da RTVG.

14 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito