Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A “modernidade” de Xela Arias enche o programa do CCG para o 17 de maio

A institución fixo público o espazo web que dará acubillo ás diferentes iniciativas que arrincarán cun acto o Día da Poesía

A transversalidade xeracional, así como a “modernidade” e a ansia da propia autora por explorar as marxes sen quedar no “canónico” impregnarán a programación que preparou o Consello da Cultura Galega (CCG) con Xela Arias, autora homenaxeada con motivo do Día das Letras Galegas deste 2021, no foco. Como é habitual, editarase unha obra, que neste caso, por desexo da familia será o inédito de narrativa Non te amola!.

Onte, véspera do 4 de marzo, día no que Xela Arias cumpriría 59 anos, o Consello da Cultura Galega presentou o seu programa de actividades, que se mantén fiel á súa liña de traballo habitual –un espazo web, unha publicación e un concerto–, pero que tamén buscará un encaixe co propio perfil da homenaxeada. Así, o poema Ambiciono o equilibrio dos extremos serve de guía para a programación da institución cultural autonómica, en cuxa presentación participaron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; xunto coa secretaria, Dores Vilavedra; e Darío Gil, fillo da autora, quen agradeceu “o esforzo” realizado polas institucións nun escenario marcado pola pandemia.

“Traballamos coa idea de pluralidade, de diversidade, de interxeneracionalidade e de buscar un equilibrio coa Galicia actual”, trasladou Rosario Álvarez, antes de pór o acento na “gran independencia e modernidade” de Xela Arias, de quen destacou a “total normalidade” coa que se movía “nas marxes”. “E foron nosas marcas de inspiración”, remarcou.

Dores Vilavedra incidiu tamén nestas premisas, antes de animar a visitar no sitio web do CCG un especial que concentrará a información da institución ao redor desta celebración e ao que se pode acceder desde onte.

Entre os materiais está o documental Xela e a palabra, encargado polo CCG en 2014 para prestar atención ao valor que a palabra tiña para a autora e tamén ao traballo de tradución e edición que exerceu en Edicións Xerais. Foi proxectado no marco da xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, organizada pola institución.

Á marxe das “sorpresas” que haberá até final de ano, o 21 de marzo, Día da Poesía, celebrarase un recital poético que estará vinculado coa autora e porá a súa obra “en diálogo coas novas xeracións”.

Tamén como é habitual, o 16 de maio e como antesala dos actos de celebración convocados pola Real Academia Galega terá lugar o Concerto das Letras. “Será en Vigo, cidade moi próxima á biografía de Xela Arias, e ofrecerá unha proposta creativa visual que pensamos que lle gustaría á propia Xela”, apuntou a propia Dores Vilavedra, unha reflexión que posteriormente confirmou o fillo da autora.

publicación
Inédito ‘non te amola!’

··· Nesta ocasión e cumprindo co desexo da familia da autora recuperouse a obra inédita Non te amola!’ Esta obra narrativa, destacou Vilavedra, afástase lixeiramente dos seus xéneros habituais e que Xela Arias “deixou perfectamente finalizada”. Está avanzando a bo ritmo o traballo editorial para a súa publicación e a previsión é presentalo antes do 17 de maio. Irá acompañado dunha introdución de Ana Iglesias, que conviviu “moi estreitamente” coa autora nos seus anos universitarios e dará “unha achega biográfica”. En canto á ilustración, queda en mans de Bea Gregores (Vigo, 1995). Darío Gil subliñou a satisfacción da familia por que esta obra poida ver a luz.

04 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.